O Campus Industrial de Ferrol impulsa unha microcredencial sobre o uso da IA para a mellora e control dos procesos de produción e loxística

O seu público obxectivo son aquelas pequenas e medianas empresas que queiran incorporar a Intelixencia Artificial aplicada a procesos, así como aquelas persoas responsables dos departamentos de operacións, da área de loxística ou mesmo da de distribución que queiran mellorar tanto a súa competitividade como a súa capacidade analítica.

No ámbito empresarial, as tecnoloxías de Intelixencia Artificial (IA) permiten mellorar a eficiencia, reducir custos e tomar decisións baseadas en datos. Esta é a premisa baixo a que nace a microcredencial “IA Aplicada ao Control e Mellora de Procesos de Produción e Loxística” que promoven os profesores da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), pertencentes ao Departamento de Empresa, Javier Pernas, Rosa Ríos e Diego Crespo. 

A microcredencial, de 30 horas de duración, está orientada ao uso práctico de modelos de optimización, de simulación e de análise de datos, traballando con casos inspirados en contornas reais de produción e de loxística. As sesións teóricas impartiranse en liña e as clases prácticas no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), situado no Campus da Coruña, ao longo do mes de abril.

Na primeira semana, o alumnado participante afondará nas tecnoloxías actuais de optimización e de simulación, así como no uso dos xemelgos dixitais aplicados á produción. Durante a súa segunda semana de formación, traballará con ferramentas para a optimización de inventarios e botará man da IA xenerativa como apoio na planificación e no desenvolvemento de modelos. Na terceira semana adquirirá coñecementos clave no eido da loxística e da análise operativa. Pola súa banda, na súa cuarta e última semana de aprendizaxe achegarase ao campo da automatización e ao do control dixital. 

O cadro docente estará integrado polo profesorado da Universidade da Coruña (UDC) que impulsa a microcredencial, Javier Pernas, Rosa Ríos e Diego Crespo, ambos os tres membros do Grupo Integrado de Enxeñaría e persoal adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol. Tamén impartirán docencia neste curso, a directora da Área de Intraloxística e Operacións en Instra IngenierosSL, Eva Fariña, e o Advisor de POSSIBLE Incorporated e profesor da Universidade de Vigo (UVigo), Javier Martínez.

A formación está dirixida a aquelas pequenas e medianas empresas (Pemes) que queiran incorporar a IA aplicada a procesos, a aquelas persoas responsables dos departamentos de operacións ou aos e ás profesionais da xestión de inventarios, da área de loxística ou mesmo da de distribución que queiran mellorar tanto a súa competitividade como a súa capacidade analítica. 

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 23:59 horas do domingo 15 de marzo. Ao estar financiada polo Plan de Microcréditos do Ministerio de Universidades, o prezo da microcredencial é de 85 euros. Ofértanse un total de 20 prazas. Máis información enviando un correo a rosa.rios@udc.es ou ben chamando ao 881 01 3848. 

Inscrición na microcredencial “IA Aplicada ao Control e Mellora de Procesos de Produción e Loxística”

Comparte éste artículo
No hay comentarios