Paula Quintas estrea a súa última obra, Royal, cocreada co artista circense Arturo Cobas, na Casa de Máquinas de Santiago

O espectáculo combina circo, danza, humor e emoción.

Paula Quintas presenta o vindeiro sábado 7 de marzo ás 18h na Casa de Máquinas de Santiago ROYAL, o seu último espectáculo, cocreado co artista circense Arturo Cobas. As entradas son de balde até completar aforo.

A peza combina circo e danza con ritmo, humor, emoción e acrobacias. Trátase dunha mestura do clown poético de Arturo Cobas cos equilibrios en movemento de Paula Quintas, dando como resultado elegancia, enredos e complicidades, nun espectáculo que fará rir e emocionará a toda a familia, ofrecendo unha experiencia artística tan divertida como evocadora.

FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA

Idea orixinal e interpretación: Arturo Cobas e Paula Quintas.
Asistencia de dirección: Natalia Outeiro, “Pajarito”.
Espazo estético: Ana Gesto.
Iluminación: Xacobo Torres.
Espazo sonoro e composición musical: Xabier Mera e Nacho Muñoz.
Deseño gráfico: Eva Díaz.
Foto: Fotográficas Oviedo e Sabela Eiriz.
Audiovisual: Miramemira.
Distribución: Pistacatro Productora de Soños S.L.

SOBRE PAULA QUINTAS

PAULA QUINTAS (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural cunha sólida traxectoria nacional e internacional. Dirixe Paula Quintas-Cía, compañía con máis dunha década de creación escénica onde hibrida danza e circo. A súa obra destaca pola investigación corporal, a estética do risco e a creación de experiencias escénicas únicas.

É directora artística do Festival 6 Coreógrafas e directora adxunta do Abanea Festival. Vicepresidenta da entidade española de espazos non convencionais RedAcieloabierto, é vogal da Asociación de Compañías de Danza Emprendo Danza, ocupou a vogalía de Danza e artes do movemento en Escena Galega (2020-2024) e participa activamente no impulso do sector profesional. 

Licenciada en Historia da Arte e graduada en danza e circo por Trinity Laban e o National Centre for Circus Arts, é doutoranda na Universidade de Vigo. Especialista en Técnica Laban, combina a creación co ensino na escola Danza Alfaia, ubicada en Santiago de Compostela.

Comparte éste artículo
No hay comentarios