#AlertaSalmónGalego: entidades ecoloxistas lanzan unha recollida de sinaturas para salvar o salmón galego da extinción

A iniciativa estará aberta ata o Día Mundial da Auga o vindeiro 22 de marzo. 

As entidades ecoloxistas ADEGA, AEMS – Ríos con Vida, Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) lanzan a campaña de recollida de sinaturas «Alerta Salmón Galego», coa que reclaman á Xunta de Galiza a inclusión do salmón atlántico (Salmo salar) no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de «En perigo de extinción».

Baixo o lema «Activa a #AlertaSalmónGalego», a iniciativa busca concienciar e mobilizar a cidadanía ante o declive continuado das poboacións galegas de salmón, ao tempo que demandar da Xunta que asuma a súa responsabilidade na protección dunha especie que forma parte do patrimonio natural e cultural de Galiza e que está en serio risco de extinción.

Esta campaña chega tras a solicitude de catalogación do salmón atlántico como «En perigo de extinción» presentada xa polas entidades o pasado mes de febreiro ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Unha vez pechado o período de recollida de apoios, que coincidirá co Día Mundial da Auga o vindeiro 22 de marzo, as entidades promotoras rexistrarán oficialmente as sinaturas ante a Xunta de Galiza como aval social á solicitude de inclusión do salmón no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, co obxectivo que a administración actúe conforme aos datos científicos dispoñibles.

A dramática situación do salmón

Segundo o Atlas do Salmón Atlántico en España (Ministerio para a Transición Ecolóxica, 2021), as poboacións galegas reducíronse máis dun 80% desde a década de 1970. Ademais, pasouse de máis de 20 ríos históricos con presenza reprodutora a menos de 8 na actualidade, moitos deles con poboacións moi reducidas e illadas.

En sistemas como o Ulla apenas se rexistran arredor de 50 exemplares reprodutores, cifras moi por baixo do limiar considerado viable a medio prazo. Ademais, estudos recentes prevén un novo descenso do 30–50% nas poboacións do sur de Europa nas próximas décadas, debido ao aumento da temperatura e aos cambios na produtividade mariña. A continua degradación do hábitat fluvial e mariño (mudanza climática, verteduras, minaría…) e as barreiras á migración sen unha restauración suficiente (presas e azudes obsoletos, centrais hidroeléctricas) empeoran este prognóstico.

Cumpre os criterios para ser declarado «En perigo de extinción»

Xa que logo, as organizacións promotoras sosteñen que o salmón galego cumpre os criterios técnicos e legais para ser declarado “En perigo de extinción”, dado o seu estado crítico, a redución da súa área de distribución e o tamaño actual das súas poboacións.

Esta catalogación da especie obrigaría á Xunta de Galiza a elaborar un plan de recuperación específico, con medidas para restaurar hábitats, mellorar a conectividade fluvial e garantir o seguimento científico da especie.

A extinción do salmón atlántico en Galiza suporía unha gran perda ecolóxica e patrimonial. As entidades fan un chamado á sociedade galega para apoiar esta petición e reclamar a necesaria e urxente creación e aplicación dun plan de recuperación con medidas para reverter o seu continuo devalo.


Comparte éste artículo
No hay comentarios