Carta aberta de ADEGA aos organizadores do Wake Up Festival na Coruña

O Wake up féstival é evento musical de música electrónica que leva 3 anos celebrándose no Parque de Bens da Coruña. Ten recibido diversas críticas  por parte de outras organización ecoloxistas, polo lugar escollido para a súa celebración, próxima a entornos naturais e protexidos

Queremos facer pública esta carta aberta aos organizadores do festival apelando á súa comprensión para frenar unha situación que está a causar graves alteracións no medio ambiente e sufrimento animal.

Estimada organización do Wake Up Festival:

Dirixímonos a vós desde o respecto pola vosa labor cultural e o común gusto pola música. Sentímonos na obriga cidadá de expoñer, con claridade e fundamento, as nosas profundas preocupacións ante a intención de celebrar unha nova edición do festival Wake Up Festival no Parque de Bens, que sería a cuarta. As nosas reflexións non xorden dunha opinión ou visión ecoloxista idealista, senón de datos e advertencias técnicas recollidas en informes oficiais, é dicir, dende unha reflexión consciente da realidade baseada nos datos.

Atopamos catro razóns, que consideramos inapelables, polos que a celebración deste festival supón un prexuízo para a natureza da Coruña:

1. O festival é incompatible coa protección da fauna. O Parque de Bens non é un espazo neutro. Alberga especies protexidas legalmente, como o lagarto arnal (incluído na Listaxe de Especies en Réxime de Protección Especial) e, na súa contorna inmediata (ENIL das Illas de San Pedro), o corvo mariño cristado (especie vulnerable). A celebración do festival coincide, ademais, coa súa época crítica de cría.

2. O impacto acústico é cientificamente prexudicial. As frecuencias graves, inherentes á música dun festival, propáganse a varios quilómetros de distancia. Un evento que supera os 120 dB, nunha área onde o recomendable para a fauna é non exceder os 55 dB, produce nos animais estrés, desorientación e, en casos extremos, abandono dos niños. Non se trata só de ruído molesto, senón de danos reais e documentados no ciclo biolóxico de especies vulnerables.

3. O sufrimento animal evitable é inasumible. A proximidade do festival ao centro municipal de animais de compañía expón a animais acollidos, moitos en proceso de recuperación, a unha situación de ansiedade e estrés que ningunha programación cultural debería xustificar.

4. O proceso administrativo ten dubidosas garantías ambientais. A autorización deste evento, que ignora informes técnicos desfavorables reiterados e que se tramita con improvisación e no último momento, constitúe un grave desleixo na protección do patrimonio común.

Ante estes datos, preguntámonos e preguntámosvos:

· Sodes coñecedores do dano ecolóxico acumulado polas tres edicións consecutivas xa realizadas?

· Considerades que un evento deste tipo pode lexitimamente prevalecer sobre o cumprimento da legalidade ambiental que protexe estas especies?

· Sería posible trasladar o festival a unha localización con menor valor ecolóxico e que non cause sufrimento animal, mantendo a súa calidade artística?

A nosa intención non é a confrontación, senón a defensa do patrimonio natural común. Apelamos á vosa responsabilidade e ao amor pola natureza para que reconsideredes a localización do Wake Up Festival. O verdadeiro éxito dun evento cultural mídese tamén no legado que deixa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios