Rodrigo Costoya regresa á Coruña co premio á mellor novela histórica do 2025 por O Século do Milagre

O sábado pola mañá ofrece un paseo literario con saída da Praza de María Pita ás 12 en punto.

O autor compostelán Rodrigo Costoya acaba de ser galardoado o pasado domingo na cidade valenciana de Carlet co Premio á Mellor Novela Histórica do ano 2025 nas primeiras xornadas sobre o xénero que se celebraban na localidade. A obra premiada, O século do milagre, vai xa pola súa terceira edición en galego. A historia do xenio Diego Xelmírez e a súa visión estratéxica para lograr que millóns de persoas teñan camiñado ata Galicia ao longo dos séculos está enganchando a miles e miles de lectores en toda España tamén, na súa versión en español.

Nas xornadas tamén recibiron premios os escritores Sebastián Roa, pola súa traxectoria e Santiago Díaz,  consolidado no xénero policiaco pero que tiña unha primeira obra de novela histórica e gañou o Premio autor revelación. 

O pasado día 23 de febreiro chegaba ao mercado a súa nova novela Fillos de Gael, tamén en galego e español editada por Pámies. Esta obra narra dun xeito épico, misturado con feitos históricos, a visión das nacións celtas como un espazo común no que clima, xeografía e relacións humanas unen a millóns de persoas nunha zona do globo terráqueo. Este venres 6 de marzo ás 19 horas realizará a presentación da obra no Circo de Artesáns da Coruña, comezando unha xira que o levará a Tenerife, País Vasco, Andalucía, Asturias, Cantabria e Madrid, nos vindeiros meses. A entrada é libre ata completar aforo.

E o sábado 7 dende as 12 en punto da mañá, ofrece un paseo literario polo centro da Coruña no que explica as múltiples conexións da cidade, coa que ten fortes vínculos familiares dende neno, de tres das súas cinco novelas: A última reliquia, O século do milagre e Fillos de Gael. O paseo durará duas horas e non é preciso inscribirse.

Comparte éste artículo
No hay comentarios