O BNG aposta por unha empresa “100% pública e unha flota propia para a Galiza” ante a nova licitación dos PAT de RENFE

Carme da Silva reclama ao Goberno apostara verdadeiramente polo público e crear unha empresa pública que xestione os PAT e haxa transparencia total.

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado apostar por unha fórmula diferente á decidida e crear unha empresa pública para a xestión dos Plans Alternativos de Transporte (PAT) de RENFE. A senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que esta opción permitiría garantir un servizo eficaz, transparente e adaptado ás necesidades da Galiza.

As numerosas incidencias, cortes de circulación e problemas rexistrados na rede ferroviaria galega con motivo dos temporais das últimas semanas, así como os recentes accidentes ferroviarios, evidencian —segundo o BNG— a necesidade de reforzar os mecanismos de resposta ante interrupcións do servizo.

A formación nacionalista lembra que, durante os temporais da primeira semana de febreiro, cando se decidiu cortar a circulación ferroviaria durante 48 horas desde e cara a Vigo, Renfe non ofreceu ningún servizo alternativo por estrada, deixando ás persoas usuarias sen resposta.

A senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que “non é admisíbel que a Galiza fiqueillada por decisións unilaterais sen garantir alternativas de mobilidade” e considera que a solución non pode pasar por unha sociedade mixta “onde o control público quede diluído”.

Transparencia e aposta por unha empresa 100% pública

Ante o anuncio de RENFE, a senadora do BNG reclama ao executivo facer públicas as características completas da sociedade mixta –participada en 49% pola operadora pública e 51% por unha empresa privada adxudicataria- cun contrato marco de 10 anos prorrogábel por cinco máis e cun custo estimado de 61,5 millóns de euros.

Para Carme da Silva, o Goberno do Estado debe explicar con claridade “as condicións concretas da licitación e os criterios de adxudicación, o tamaño real da flota de autobuses prevista, o número de persoas condutoras que integrarán o cadro de persoal, a distribución territorial e a organización operativa dos PAT ante incidencias ordinarias e extraordinarias”.

“O BNG considera que, se o obxectivo é mellorar a capacidade de resposta ante cancelacións e incidencias, a fórmula máis axeitada sería a creación dunha empresa integramente pública que reforzase o carácter estratéxico do transporte ferroviario e evitase a dependencia de intereses privados nun ámbito esencial para a cohesión territorial” subliña a senadora nacionalista.

Carme da Silva afirma que o Goberno do Estado “debe apostar por un modelo que priorice o servizo público, a seguridade e a vertebración territorial, e que recoñeza a realidade específica de Galiza, dotándoa dos recursos necesarios para garantir o dereito á mobilidade en calquera circunstancia”.

Flota descentralizada con base na Galiza

Así mesmo, dentro desta nova estrutura, a organización nacionalista aposta por unha flota descentralizada e con base permanente na Galiza, dotada de autobuses e persoal suficiente para facer fronte ás frecuentes incidencias que se producen na rede ferroviaria galega, especialmente en contextos de temporais ou obras prolongadas.

“Non abonda con anunciar un suposto aforro económico de entre 10% e 15%. O prioritario é garantir un servizo público eficaz e que a Galiza non volva ficar sen alternativas cando se suspenden trens” afirma a senadora nacionalista.

Comparte éste artículo
No hay comentarios