O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe nunha visita a Tui o «estado de abandono» de varios inmobles adquiridos pola Administración autonómica hai sete anos. Estes edificios, destinados á súa rehabilitación no marco do Plan Rexurbe, seguen sen actuacións: “Este é o exemplo da ineficacia da Xunta en vivenda”, sinalou Besteiro durante un percorrido pola zona antiga xunto ao alcalde, Enrique Cabaleiro.
Besteiro defendeu que rehabilitar “é poñer en valor vivendas que son necesarias”, pero lamentou que o Plan Rexurbe “fai de todo menos rexurdir”. Segundo denunciou, desde 2019 “todo segue igual” e os edificios permanecen na mesma situación que cando o Goberno de Rueda os adquiriu. “Esta situación reprodúcese en moitos conxuntos históricos de toda Galicia”, reprochou o líder socialista, esixindo á Xunta planificación real para solucionar a crise habitacional.
“O problema non só é a falta de vivenda nova; hai que recuperar áreas de vilas e cidades que están abandonadas”, propuxo Besteiro como vía eficiente para nutrir o mercado inmobiliario. Neste sentido, afeou que o Goberno galego “nin planifique nin execute” proxectos que xa contaban con recursos: “Onde vai ese financiamento?”, preguntouse.
O problema da vivenda chega ao Parlamento O portavoz socialista levará esta cuestión á sesión de control do vindeiro mércores no Parlamento de Galicia. Besteiro lamentou que, sendo a vivenda a principal preocupación dos galegos, a política da Xunta sexa “absolutamente ineficaz”. Unha realidade que avalan os datos: o número de demandantes de vivenda pública inscritos no rexistro oficial xa supera as 30.000 persoas. Por iso, reclamaralle a Alfonso Rueda explicacións urxentes ante esta crise.
Tui: un compromiso incumprido de 17 millóns de euros Pola súa parte, o alcalde Enrique Cabaleiro detallou a parálise que sofre o municipio: “Das catro vivendas que mercou a Xunta para rehabilitar, seis anos despois non se comezou nin a primeira”. O rexedor instou ao Goberno galego a asumir o compromiso adquirido co Concello, que prevía un investimento de 17 millóns de euros entre 2023 e 2027.
Cabaleiro lembrou que o de Tui é “o segundo conxunto histórico máis extenso de Galicia” e conta con moitas vivendas que precisan intervencións urxentes. “A Xunta ten que asumir as súas competencias e coidar do patrimonio que é de todos os galegos e galegas”, concluíu.