O PSOE de Pontevedra planta cara aos bulos machistas cunha campaña para o 8M

Co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, a Agrupación Socialista de Pontevedra lanzou unha iniciativa para concienciar sobre este bombardeo de desinformación, instando á cidadanía a combatelo con datos e axenda feminista. A campaña materialízase nun vídeo difundido en Instagram, Facebook, TikTok e X (Twitter), protagonizado polo voceiro municipal, Iván Puentes, a parlamentaria Paloma Castro e os concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña, Marcos Rey e Carmen Hermo.

Segundo explica Iván Puentes, «a peza audiovisual pon o foco nas mentiras que colonizan o espazo dixital co obxectivo de erosionar a confianza nas políticas de igualdade e no propio sistema democrático». Pola súa banda, Paloma Castro advirte de que esta proliferación de contidos misóxinos «constitúe unha ameaza real que busca banalizar a violencia machista e prexudicar a imaxe das mulleres».

A campaña incide especialmente no perigo dos ‘ciberguetos antifeministas’ e o seu impacto na mocidade. «Dous de cada tres adolescentes desprezan o feminismo; ese é o custo da desinformación. Se o machismo se organiza nas redes, a democracia debe responder con máis igualdade», alerta Puentes no vídeo.

Datos fronte a relatos falsos

A iniciativa desmonta con cifras oficiais as falacias máis estendidas. Fronte ao mito das denuncias falsas, o PSOE lembra que, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, estas representan apenas o 0,02% do total. Así mesmo, rebaten a suposta igualdade de oportunidades laborais subliñando que menos do 3% dos CEO de empresas son mulleres e que a súa presenza en consellos de administración non supera o 29%.

Estes datos son o reflexo dunha realidade innegable: unha fenda salarial do 16% en Galicia, un 83% de mulleres que confesan sentir medo ao volver soas a casa ou o feito de que o 14,5% das mulleres en España sufriron violencia sexual ao longo da súa vida. Ante este escenario, e ás portas do 8M, os socialistas fan un chamamento a «poñer pé en parede» contra as mensaxes que cuestionan dereitos básicos e minimizan a lacra da violencia machista.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios