Partido transcendental do Ineltrón Santo Domingo en Vilagarcía

O Sigaltec, o equipo rival, apura as súas opcións de permanencia.

Se hai poucas semanas o Ineltrón Santo Domingo Betanzos saboreaba en Chantada unha terceira vitoria consecutiva que o situaba en números positivos e a só un paso de certificar a salvación no disputado Grupo AB da Terceira FEB, tres derrotas seguidas, dúas delas na casa, fan que o partido deste sábado en Vilagarcía cobre unha importancia transcendental. O Sigaltec, o equipo rival, suma tres vitorias menos ca os betanceiros e é precisamente por iso que debe sumar se quere seguir cunha mínima opción de salvación, o que o converte nun perigoso rival. No partido da ida xogado en Betanzos os vilagarciáns xa deron boa mostra da súa competitividade, pelexando ata o final nun apertado encontro que os betanceiros acabaron gañando por un apurado 73-68.

Á marxe do factor cancha, os visitantes, que teñen a Pablo Fernández Carballo (20,3 pp) e Óscar Castaño Rubianes (16.2 pp) como máximos realizadores, han contar ao seu favor coas baixas dos betanceiros e singularmente coa de Miguel Latas, que vai perder o que queda de temporada por unha rotura no nocello. Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador do Ineltrón: “O equipo de Vilagarcía é un equipo difícil de batir pola intensidade que imprimen tanto no xogo de ataque como en defensa. Intentaremos que teñan o menor acerto posible e impor o ritmo de partido que nos interese”.

Xornada madrugadora para o resto do club

Polo que toca ao resto do club Santo Domingo Betanzos, a xornada comeza xa este venres 6 co equipo premini xogando no Vales contra Basquet Coruña e continúa na mañá do sábado co Grelo cadete e as júnior de Infor-B contra o mesmo rival. As infantís de Warnier xogan contra Maristas, o Cyrdega contra Montrove e os cadetes de Javier Caamaño Arquitecto de Primeira División viaxan a Vigo para enfrontarse a Tifón Muebles Novobasket. A xornada do domingo enfronta a La Goleta e ao masculino de Terceira a Cambre a e Costa Ártabra, as cadetes de Decornaveira contra Maristas e as sénior de Neón Tasca contra Fontiñas. Pola súa parte, as premini de 91o xogan contra Santa María do Mar no Agra, mesmo emprazamento para o partido do mini 2015 contra Montrove, mentres que o Piccola Alameda xoga en Sada contra o conxunto desa mesma localidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios