Non houbo outra cor no «Vicente Carril», cunhas camariñanas que dominaban ao longo de todo partido e que na primeira media hora xa vencían por 4-0. Antes de iniciarse o partido, houbo reivindicacións nunha data tan especial para as mulleres, e na que Maruja de Liñeiro, unha das palilleiras máis veteráns de Camariñas, facía o saque de honra ante a alcaldesa Sandra Ínsua e recibía un ramo de flores de mans da capitana do equipo local, Paula Mouzo.
Xa co balón rodando, Yara abría o marcador cando apenas se traspasaban os dez minutos de xogo tras unha boa acción de Laura Pose. Non tardaba Maira en facer o segundo nun man a man no que define á perfección ante a porteira rival. Coa tranquilidade que daba esa vantaxe, Yara novamente a balón parado subía o terceiro ante a impotencia das visitantes, incapaces de achegarse á área de Desirée, case unha espectadora máis. Antes do tempo de lecer, Brenda poñía o 4-0 e, á volta de vestiarios, as amarelas buscaron algo máis de profundidade e tiñan a súa mellor ocasión a balón parado, pero atallaba Desi sen problemas. Xa no treito final, Yara sacaba de curruncho e Maira cabeceaba para ese 5-0 final que tinguía este 8 de marzo de azul.