Hai algo peor que perder partidos: perder o respecto da bancada. E o Deportivo está empezando a cheirar a iso. Non falo de resultados. Falo de sensacións, de fútbol, do que un ve cada fin de semana cando o balón empeza a rodar e o equipo parece un grupo de tipos que acaban de coñecerse no autobús camiño do estadio.
Antonio Hidalgo, mírao.
Porque cando un equipo vai terceiro ou cuarto na táboa e aínda así xera ese nivel de rexeitamento na xente, algo non está funcionando. E non é a clasificación. É o que se ve no campo. É o fútbol plano, sen colmillo, sen alma. É a sensación de que o Deportivo xoga cada xornada un pouco peor ca na anterior.
E iso, adestrador, xa é cousa túa.
Conseguiches algo difícil: empeorar a case todos os xogadores do equipo. Futbolistas que hai meses parecían outra cousa agora camiñan polo campo coma se levasen unha mochila chea de ladrillos. Xogadores que tiñan personalidade agora dubidan ata para dar un pase de tres metros. E cando iso ocorre de maneira colectiva, cando a caída é xeralizada, o problema nunca está no vestiario.
Está no banco.
Porque ademais está o outro asunto, o que no fútbol sempre acaba explotando: os galóns. No Deportivo comeza a respirarse a sensación de que aquí non xoga quen mellor rende. Xoga quen ten bula. Quen cae ben. Quen ten unha relación especial co adestrador.
E iso, nun vestiario profesional, é dinamita.
O fútbol é moi simple: o que está mellor, xoga. O que non, ao banco. Sen amigos, sen cotas, sen xerarquías artificiais. Cando se rompe esa regra, o vestiario sábeo antes ca ninguén. E cando o vestiario o sabe, o equipo pártese por dentro aínda que desde fóra pareza enteiro.
Logo están os plantexamentos. Os partidos que se escapan sen que o Deportivo morda. Os rivais que te len coma se foses un libro aberto. Os adestradores contrarios que che gañan a partida unha e outra vez. Non unha tarde mala. Non dúas. Demasiadas.
Cando todos os adestradores rivais che sacan a matrícula, quizais haxa que empezar a facerse preguntas incómodas.
E a primeira é sinxela: se este equipo está realmente mellor hoxe ca hai tres meses.
A resposta, vendo os partidos, parece bastante clara.
Porque o Deportivo non transmite crecemento. Transmite desgaste. Non parece un equipo en construción, senón un que se está desfazendo pouco a pouco, coma un castelo de area cando sobe a marea.
E iso a xente nótao.
Riazor non é un estadio inxenuo. Aquí a afección viu de todo: gloria, ruína, noites europeas e anos de barro. A xente sabe distinguir cando un equipo pelexa aínda que non lle saian as cousas. E tamén sabe cando o problema é máis profundo.
Agora mesmo, o que se escoita na bancada non é enfado por perder. É algo peor: desconfianza.
E cando un adestrador xera desconfianza mentres o equipo vai terceiro ou cuarto, o problema xa non é deportivo. É estrutural.
Antonio Hidalgo, mírao.
Porque dá a sensación de que o Deportivo che queda grande. Que o banco de Riazor pesa máis do que pensabas cando asinaches. Que dirixir este club non é o mesmo que facelo noutros sitios onde a presión é menor e as miradas pesan menos.
Aquí cada decisión se analiza. Cada aliñación se discute. Cada cambio se mide. E se o equipo non mellora, a paciencia evapórase rápido.
Moi rápido.
Por iso, se as cousas seguen así, a túa data de caducidade non fará falta escribila en ningún papel. Xa parece tatuada no ambiente. Nas conversas de bar, nos murmullos da bancada, nesa sensación incómoda que comeza a rodear o equipo.
O fútbol ten unha regra cruel: cando o adestrador comeza a ser o problema, o reloxo empeza a correr.
E en Riazor o reloxo, agora mesmo, xa está en marcha.