Raquel Arias e Katy Varela destacan que a Xunta inxectará máis de 4 millóns de euros extra no SAF dos concellos de Lemos

O PP de Monforte advirte que vixiará como emprega o Concello o aforro derivado do incremento da financiación autonómica.

Raquel Arias, parlamentaria do Partido Popular, e Katy Varela, portavoz do PP de Monforte, puxeron en valor o incremento da achega da Xunta de Galicia ao Servizo de Axuda no Fogar nos concellos do partido xudicial de Lemos, que recibirán conxuntamente máis de 4 millóns de euros extra nos vindeiros tres anos para reforzar unha prestación básica para centos de familias.

Segundo explicaron, esta mellora será posible grazas ao acordo entre a Xunta e a Fegamp para incrementar nun 50% as aportacións autonómicas destinadas ao financiamento do SAF nos concellos galegos. Na práctica, a achega da Xunta pasará de 12 euros por hora a 18 euros en 2028, cunha subida progresiva que xa se deixará notar este ano, ao elevarse ata os 16 euros por hora, e que ascenderá a 17 euros no vindeiro exercicio.

Raquel Arias destacou que esta medida supón «unha inxección económica moi importante para os concellos da comarca e unha mellora directa para as persoas usuarias, para as súas familias e para as profesionais que traballan neste servizo». Ao seu xuízo, o Servizo de Axuda no Fogar é «un dos recursos máis demandados e mellor valorados polas persoas dependentes e polas súas familias», polo que considera especialmente relevante que a Xunta siga reforzando o seu apoio a unha prestación esencial para favorecer a permanencia das persoas no seu entorno habitual.

No caso de Monforte de Lemos, a achega adicional da Xunta ascenderá a 1.269.164 euros ata 2028. Para Katy Varela, esta cifra «desmonta unha vez máis o discurso de quen se dedica a confrontar coa Xunta mentres o Concello se beneficia dun esforzo económico cada vez maior por parte do Goberno galego». A portavoz popular subliñou que este incremento permitirá aliviar de forma notable a presión sobre as arcas municipais.

Nese sentido, Katy Varela advertiu de que o Partido Popular de Monforte estará «moi vixiante» para comprobar como emprega o goberno local ese aforro derivado do aumento das aportacións da Xunta. «Se a Xunta asume máis financiamento para soster o SAF, o alcalde terá que explicar con claridade que fai cos cartos que o Concello deixa de destinar a este servizo», afirmou.

A portavoz popular incidiu en que o reforzo da aportación autonómica debe traducirse non só nun mellor funcionamento da atención no fogar, senón tamén nun uso «responsable, transparente e útil» dos recursos municipais que agora quedan liberados. «O PP vai fiscalizar que ese diñeiro reverta de verdade nos veciños e non quede diluído na falta de xestión», engadiu.

Pola súa banda, Raquel Arias lembrou que o Servizo de Axuda no Fogar é unha competencia municipal e puxo o foco no alto custo que supón para as administracións locais, especialmente para os concellos con máis dificultades para sostelo con fondos propios. Por iso, defendeu que a decisión da Xunta supón «un alivio real para os concellos e unha mostra clara do compromiso do Goberno galego coa política social de proximidade».

Ademais, Raquel Arias e Katy Varela lamentaron o voto en contra do BNG a esta medida e reclamaron, unha vez máis, que o Goberno central cumpra coa súa obriga de financiar o 50% do sistema de dependencia, tal e como marca a normativa. Ao respecto, advertiron de que Galicia segue asumindo un esforzo económico moi superior ao que lle correspondería ao Estado.

Comparte éste artículo
No hay comentarios