O 83 % das persoas ocupadas desempeña un posto acorde ao seu nivel de formación.
Un ano despois de obter a titulación de grao, 9 de cada dez persoas que incorporadas ao mercado laboral atoparon emprego nese primeiro ano, é dicir, a taxa de paro neses primeiros doce meses sitúase nun 10,9%. É unha das principais conclusións recollidas no informe elaborado polo Observatorio Ocupacional da UDC que foi presentado hoxe pola vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía e o director do Observatorio Ocupacional, Francisco León Medina.
No que respecta á calidade do emprego, o 83 % das persoas ocupadas desempeña un posto acorde ao seu nivel de formación. Ademais, o 60 % conta cun contrato indefinido e o nivel medio de satisfacción co emprego acadado sitúase en 8.09 puntos sobre 10. En termos de ingresos, o 34.8 % das persoas ocupadas declaran percibir máis de 1500 euros netos mensuais nese primeiro ano tras a súa titulación.
Tendo en conta os datos acadados, segundo explicou Lombardía, as cifrasmantéñense na liña positiva dos últimos anos, o que avala “o esforzo sostido da UDC en materia de empregabilidade”.
No caso das persoas tituladas de máster, o 85.5 % incorporouse ao mercado de traballo un ano despois do seu egreso, unha porcentaxe semellante á da cohorte anterior. Entre quen permanece inactivo, a preparación de oposicións é a principal causa, segundo explicou o director do Observatorio, Francisco León.
Daquelas persoas que se incorporaron ao mercado laboral, o 91.1 % atopou emprego, o que sitúa a taxa de paro no 8.9 %, sen diferenzas significativas entre mulleres e homes. A adecuación entre formación e emprego é especialmente elevada, xa que o 84 % das persoas ocupadas desempeña un posto acorde ao seu nivel formativo.
Así mesmo, o 69 % das persoas tituladas de máster ocupadas contan cun contrato indefinido e o nivel medio de satisfacción co emprego acadado alcanza os 8.25 puntos sobre 10. En relación cos ingresos, o 47.1 % declara percibir máis de 1.500 euros netos mensuais.
Tal e como destaca a vicerreitora de Estudantes, “os resultados do estudo confirman o compromiso da Universidade da Coruña coa mellora da empregabilidade do seu alumnado e poñen de manifesto a elevada inserción laboral das persoas tituladas, así como a calidade do emprego acadado no primeiro ano tras finalizar os estudos”.
Neste senso, lembrou que a UDC actúa con programas complementarios e estables que reforzan a empregabilidade. Unha liña na que se enmarcan o de mellora da Empregabilidade; a organización de feiras de emprego, programas de emprendemento e datatóns, entre outras iniciativas. Todo isto conforma un ecosistema de apoio que acompaña ao estudantado da UDC na súa aterraxeprofesional.
Ademais, vén de lanzar a 2ª edición de EmpregaT, un ciclo de obradoiros prácticos para que o estudantado se achegue ao mercado laboral con seguridade e confianza. A través de diferentes accións, acompáñase ás persoas participantes na definición de obxectivos laborais, mellora do perfil profesional e orientación personalizada para identificar competencias e oportunidades.
Xornada de portas abertas
Por último, a vicerreitora de Estudantes animou a todas as persoas que estean cursando Bacharelato a acudir este xoves e venres, días 12 e 13, ás xornadas de portas abertas que organiza a Universidade da Coruña para informar ao futuro estudantado da oferta de titulacións, as diferentes saídas profesionais de cada unha, así como os requisitos e probas de acceso.
Metodoloxía do informe
O informe, que se pode consultar a través deste apartado webhttps://www.udc.es/es/observatorioocupacional/publicacions/ é unha ferramenta clave para avaliar a empregabilidade do alumnado da UDC e orientar as políticas universitarias neste ámbito.
A poboación analizada está formada polo conxunto do alumnado egresado das titulacións de grao e máster da Universidade da Coruña no curso 20232024, un total de 3.356 persoas (2.216 de grao e 1.140 de máster), que no momento do estudo se atopaban, de media, a 12 meses da finalización dos seus estudos.