Mulleres Salgadas alerta da precariedade no marisqueo e reclama medidas urxentes para garantir o futuro do sector

A asociación Mulleres Salgadas advirte da situación que están a vivir moitas confrarías galegas, nas que o marisqueo permanece parado e hai mariscadoras e mariscadores sen ingresos. “Isto ten un nome: pobreza e precariedade laboral”.

Desde a entidade consideran incoherente dedicar tempo e recursos a proxectos de “relevo xeracional” que carecen de contido real. “A xente nova non vai incorporarse a un sector que non lle garante algo tan básico como poder vivir do seu traballo”. Ao seu xuízo, non se pode falar de atraer xuventude mentres o presente do sector continúa abandonado.

Mulleres Salgadas reclama políticas públicas decididas para protexer o marisqueo como actividade económica sostible, clave para a identidade das rías e para o tecido social e económico das vilas mariñeiras.

A asociación tamén cuestiona que o Goberno galego mobilice apoio con rapidez para empresas con intereses en Oriente Medio mentres esa mesma celeridade non se percibe cando se trata de apoiar á xente do mar e ás confrarías.

“O mar ten futuro, pero só se hai compromiso político real para garantir condicións dignas ás persoas que levan xeracións traballando e vivindo del”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios