O PP de Pol denuncia o “despilfarro” do alcalde en caprichos do fútbol mentres a débeda municipal supera os 5M€

Nicole Grueira: “É unha falta de respecto que, mentres hai familias en Pol que teñen que facer un esforzo enorme para pagar do seu peto a roupa deportiva dos seus fillos e fillas, o alcalde decida regalar o equipamento aos adultos con cartos de todos os veciños e veciñas”.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol denuncian a «preocupante situación económica» e a «falta de prioridades» do alcalde tras coñecerse novas facturas vinculadas ao fútbol que son «totalmente prescindibles» dada a crítica situación das arcas municipais.

A voceira popular, Nicole Grueira, recorda que no pleno extraordinario da semana pasada preguntamos por unha serie de facturas que reflicten unha xestión baseada nos «caprichos» do alcalde, en lugar de dar prioridade ás necesidades reais da veciñanza, como poden ser:

– 1.420€ pola compra dun televisor para o campo de fútbol

– Máis de 4.000€ destinados á compra de roupa deportiva para o equipo de fútbol senior

«É unha falta de respecto que, mentres hai familias en Pol que teñen que facer un esforzo enorme para pagar do seu peto a roupa deportiva dos seus fillos e fillas, o alcalde decida regalar o equipamento aos adultos con cartos de todos os veciños e veciñas», lamenta a voceira popular.

Nicole Grueira lembrou que estes gastos súmanse aos máis de 60.000€ anuais que o Concello xa destina directamente ao fútbol a pesar da «asfixiante» situación económica municipal, cunha débeda que xa supera os 5M€.

«O fútbol non pode ser a única prioridade deste Concello. Mentres o alcalde gasta en televisións, as pistas municipais presentan un estado desastroso e os nenos do PAI (Punto de Atención á Infancia) teñen que soportar unhas condicións deplorables», denunciou.

Desde o PP de Pol instan ao rexedor a «poñer os pés na terra» e abandonar a súa política de gastos estériles.

Nicole Grueira recorda a Lino Rodríguez que a xestión municipal esixe seriedade e un equilibrio que actualmente non existe: «Xestionar un concello non é xestionar un campo de fútbol; son moitas máis cousas. O alcalde debe decidir se quere seguir xogado a presidente dun club ou realmente quere ser o alcalde de todos os polenses».

Comparte éste artículo
No hay comentarios