“Pedimos que se pinte e se lle dea un lavado de cara para evitar que, unha vez máis, a imaxe de Foz se vexa danada por esta falta total de mantemento”, conclúe Castiñeira.
O voceiro do Partido Popular de Foz, JavierCastiñeira, denuncia o estado de abandono que presenta a fachada do edificio do Cenima, onde se atopa situada a oficina de turismo do municipio, completamente invadida polo verdín.
Segundo explica Castiñeira, esta situación non é nova, xa que o grupo popular leva máis de dous anos advertindo deste problema sen que o goberno local tomara medidas para solucionalo. “Xa o denunciamos hai máis de dous anos e, lonxe de mellorar, todo vai a peor”, sinala.
O portavoz popular lembra que o Cenima é un edificio singular de Foz no que, ademais da oficina de turismo, tamén se atopan A Mariña Virtual e o Centro de Interpretación da Mariña. Trátase, polo tanto, dun espazo ao que acoden numerosos visitantes para solicitar información non só do municipio, senón de toda a comarca.
Neste sentido, Castiñeira considera que a imaxe que se está trasladando é “verdadeiramente lamentable”. “Os turistas que chegan a Foz atopan un edificio público en estado de abandono, o que transmite a sensación dun pobo descuidado”, afirma.
O voceiro popular advirte ademais de que Foz está a piques de iniciar a tempada turística coa chegada da Semana Santa, unha época na que o municipio recibe numerosos visitantes. “Un ano máis imos atoparnos cunha oficina de turismo totalmente abandonada xusto cando comeza a chegar a xente ao noso pobo”, critica.
Desde o PP consideran que esta situación é unha mostra máis da falta de xestión do equipo de goberno municipal. “Mentres se dedican a manter a súa imaxe a base de publicidade e vídeos con alto contido propagandístico, a realidade do pobo é ben distinta”, indica Castiñeira.
O portavoz do PP pon como exemplo outros edificios municipais que tamén presentar problemas de mantemento, como a Casa do Concello ou a Casa da Cultura. “Poden poñer como escusa a falta de orzamentos, algo que o Partido Popular leva reclamando durante este último ano, pero o que vemos é unha desidia xeralizada na xestión municipal”, afirma.
Por último, desde o PP de Foz piden ao goberno local que aproveite os días previos a Semana Santa para actuar no edificio do Cenima. “Pedimos que se pinte e se lle dea un lavado de cara para evitar que, unha vez máis, a imaxe de Foz se vexa danada por esta falta total de mantemento”, conclúe Castiñeira.