Un gol en cada tempo, o primeiro de Álvaro, para o Racing, e o segundo de Coto, para o Ourense, definiron o resultado do derbi do Couto. O Racing foi mellor na primeira media hora e nos minutos finais dun partido no que o Ourense tivo a posesión e no que as accións a balón parado tiveron menos transcendencia da esperada.
Álvaro adianta ao Racing
O Ourense afrontaba o partido sentido o bafo dos que descenden na caluga e coa importante baixa de Jerin no centro do campo. Pola súa banda, o Racing non contaba con Escobar, logo que o punta fixera un dos seus mellores partidos desde a súa chegada a Ferrol contra o Cacereño,.
O Racing quixo comezar mandando, pero non tardou o Ourense en equilibrar o dominio e até de pasar algúns minutos xogando na parcela visitante. Con todo establecido, a primeira ocasión foi ferrolá co primeiro córner do partido. Tejera sacou desde a dereita do ataque e Artetxe adiantouse no salto a César para poñer unha cabezada de gol. A man de Ratón evitouno aos seis minutos. No seguinte, desde o outro recuncho, a cabezada de Álvaro saíu foi afastándose do marco.
Seis despois, e partindo da mesma saída, tamén a tivo o ourensanista Raúl. O córner foi en curto de Hugo Sanz para Guerrero, o de Caranza seguíu o ensaiado, cun pase raso para Raúl, que dispuxo dun cómodo disparo na área desviado pola zaga verde.
O cadro de Guillermo Fernández quebrou as táboas desde unha xogada en banda. Álvaro Ramón evitou que o coiro saíra polo fondo, cedeu en curto a Jairo, que engadiu o pase a Tejera. O centrocampista amagou no avance co xute, centrou temperado ao segundo pau e Álvaro, oportuno, no segundo pau, meteu a cabeza para superar a Ratón.
Aos 25 minutos, Guerrero recibiu perto do bico da área, orientouse uns pasos cara ao interior, e mandou un xute que logo de ser tapado por un defensa. A pelota voou con certo misterio para caer sobre o teito do marco de Parera.
No Ourense, ninguén daba cortado a hemorraxia nasal de David Muñoz e o Racing, xogando momentaneamente cun máis, case anotou o segundo nunha acción elaborada entre Dacosta e Álvaro Ramón, culminada polo ourensán cunha chilena desviada á media hora.
De aí ao remate do primeiro tempo, o partido comezou a ser controlado polos locais. Pouco despois foi Parera quen salvou o xute desde lonxe de Raúl. O Racing estaba cómodo nesa situación, con Tejera mandando na área para sacar os centros atrasados sobre a herba e os centrais atentos aos aéreos. No prolongamento, Raúl volveu xutar, esta vez alto, para finalizar unha xogada que naceu cun centro de Guerrero e outro de Coto, sacados pola zaga visitante.
Un ex racinguista anota o empate
O Ourense equilibrou axiña o marcador no segundo tempo. Coto, un ex racinguista, recolleu un pase perto da frontal e axustou un disparo ao que non chegou Parera. Os locais fixeran recuar definitivamente ao Racing, que non era capaz de afirmar o seu xogo alén da divisoria.
As primeiras substitucións en cada equipo só modificaron o debuxo visitante, que pesou a xogar con tres centrais.
Co paso do tempo, o partido perdeu peso nas proximidades das áreas. Os dous equipos repartiron chegadas até os tres cuartos e algúns centros, sobre todo por parte local. Nun deles, no minuto 80, Amín colocou unha potente cabezada polo centro que chapou Parera.
Despois foi Ratón quen sacou un centro xute baixo a trabe nunha xogada que continuou cun empurrón a Álvaro na perpendicular do pau. O Racing gastou o cartón azul, pero o árbitro non rectificou.
O cadro verde foi a polo partido na parte final. Primeiro, Álvaro Ramón probou en carreira, pero Ratón estirou e meteu ben as luvas para desviar. A continuación, Pascu, xunto ao punto de penalti, cabeceou alto un centro desde a esquerda.
Na derradeira acción ofensiva, Rabadán xutou frouxo un saque de esquina e Parera atrapou tirándose ao chan.
Ficha
SÁBADO 14/03/2026 (16,15) Campo: O COUTO (3.500)
OURENSE C.F. : 1 – RACING C. FERROL : 1 (0‑1)
OUR : Ratón; Coto, Carmona, Aymane, Hugo Sanz; David Muñoz (Punzano 68’), César (Yuste 56’), Rabadán; Guerrero (Luis Rivas 79’), Martín Ochoa (Amín 68’), Raúl. Tre. Dani Llácer. (Banco: Alberto (g); Miguel Prado; Adri Pérez; Guèye; Aranzabe; Sergio Benito).
RAC : Parera; Edgar, Artetxe, Saúl, Álvaro Ramón; Tejera (Gorostidi 85’), Fabio, Jairo (Pascu 66’); Concha (Azkune 66’), Álvaro (Tavares 85’), Dacosta (Leal 56’). Tre. Guillermo Fernández. (Banco: César (g); Lucas (g); Mardones; Leal; Chema; Azael).
Goles: 0-1 Álvaro 18’; 1-1 Coto 52’.
Árbitro: García Arriola (País Vasco). Auxiliares: Aostri Durán e .Sánchez Lázaro 4º árb.: Collado Fernández.
Disciplina: CA: Aymane 14’; César (O) 16’; Dacosta 45’.
Foto: Álvaro errou a súa primeira cabezada no partido, pero non perdoou na segunda. © 21noticias.com