Diego e Fito levan ao Bergantiños ao triunfo ante o Lealtad

O Bergantiños volveu gañar. O 3-0 deixou á vista a diferenza entre un equipo que por momentos aspirou á fase de ascenso e outro, o Lealtad, que loita pola permanencia. O encontro puido rematar en goleada se os locais aproveitaran as numerosas ocasións da primeira metade, pero só se decantou no tramo final, malia que Fito adiantara aos de Carballo no primeiro período. Logo, Diego marcou o segundo, provocou un penalti, que errou Fito, e Álex Pérez fechou o apartado goleador co 3-0.

Fito, o central goleador

Aos catorce minutos, unha dura falta de Ramón a Javirro, que supuxo para o asturiano o primeiro cartón do partido, foi lanzada por Pedro Ramos desde os tres cuartos. Fito, chegou a cabecear perto da área pequena e a pelota lambeu o pau.
Cando se cumpría o cuarto de partido, Fito recolleu aberto, no segundo pau, o lanzamento do segundo córner consecutivo dos locais sacado por Pedro Ramos. O central baixou o coiro, recortou dúas veces e xutou á porta. Un defensa tocou, provocando que o esférico fixera un estraño e despistara a Junquera, e o 1-0 subíu ao led das Eiroas.
No minuto 25 puido chegar o segundo nunha cabalgada de Sola pola esquerda. O lateral puido centrar para Pedro Ramos, só que o xute do portugués saíu sen moita forza e Junquera chapou con facilidade.
Pasada a media hora, quen intentou a gloria do gol foi Koke, que fixo a individual pola dereita, pero o seu xute resolveuno o cerbero do cadro de Villaviciosa.
Outro córner lanzado por Pedro Ramos desde a dereita do ataque puido ser o colofón a un gran primeiro tempo ofensivo de Fito. O central chegou desde atrás ao segundo pau, pero non calculou e tampouco lle pegou ao balón.
O partido era de dominio local. Un minuto despois, no 42, Junquera salvou un man a man ante Javirro e, a continuación, desviou o xute de Koke.
O primeiro tempo rematou cun saque de esquina lanzado por Marcos Blanco. O balón, moi fechado, foi rematado fóra por Babafemo. O enlace ofensivo dos visitantes, no segundo pau, non tiña ángulo para facelo mellor.

A sentenza chega cun Lealtad aberto

A segunda metade comezou cunha nova ocasión para os locais aos poucos segundos. Peñalver gañou a banda, centrou ao punto de penalti e a cabezada de Germil foi desviándose até perderse pola liña de fondo.
O Lealtad quixo reaccionar, pero faltoulle precisión nun pase de Luisen para Nacho, que correu ao interior da área para recibir e disparar. Non o alcanzou por pouco no minuto 53. No seguinte, o Bergantiños respondeu cun xute cruzado de Koke que non veu porta.
O partido estaba máis aberto e Marcos Blanco, incansable no traballo, proxectou un lanzamento perto da frontal no que o esférico lambeu a trabe. Na seguinte, Junquera desviou outro con bote de Germil.
O Bergantiños sentenciou no minuto 80. O protagonista foi Diego. O mediocentro abriuse á esquerda para recibir na área. Xutou e o pouco ángulo axudou a Junquera a rexeitar. O balón foi á dereita do ataque e un novo centro permitiu ao 14 dos locais fusilar por alto ao meta do Lealtad na segunda tentativa consecutiva.
No minuto 83, un balón solto na área foi voleado por Nico Blázquez. Foi a última opción dos asturianos para meterse axiña no partido porque no minuto 86, unha entrada de Diego na área acabou en penalti. Mateo González derrubouno, Fito tirou o penalti con potencia, pero Junquera adiviñou e rexeitou.
O Bergantiños, plegado, xogando fácil ao espazo, encontrou por terceira vez a vía do gol noutro pase de Diego, brillante en todo o partido. Álex Pérez fixo a ruptura para ser servido na entrada da área, aproveitou o esvarón dun central para pensar o lugar da rede onde quería repousar a pelota e bateu a Junquera.
Os encarnados poñen fin a cinco xornadas sen gañar e volven a facelo por tres, algo que non acontecía desde o 1-4 ao Langreo na xornada 14 da pasada campaña.

Ficha

DOMINGO 15/03/2026 (17,00) Campo: AS EIROAS (400)
BERGANTIÑOS F.C. : 3 – C.D. LEALTAD : 0 (1‑0)

BER : Canedo; Peñalver, Fito, Nacho Pastor, Sola; Koke (Álex Melide 87’), Pedro Ramos (Álex Pérez 64’), Onyia, Diego, Javirro (Tass 73’); Germil. Tre. Simón Lamas. (Banco: Román (g); Xabier López; Asier Grande; Hugo González; Martín Souto; Uwumiro).
LEA : Junquera; Ramón (Yerpes 74’), Pesquera, Mateo González, Argüelles; Babafemo (Omar 66’), Marcos Blanco (Nico Blázquez 66’), Nacho, Luisen, Carlos Cid (Felgueroso 66’); Saza (Samu Montes 74’). Tre. Jorge Fernández. (Banco: Enol (g); Mateo Arellano; Braña; Cissé).
Goles: 1-0 Fito 22’; 2-0 Diego 80’; 3-0 Álex Pérez 90’.
Árbitro: Ruiz Martín (Cantabria). Auxiliares: Jiménez Alario e Cobo Torres.
Disciplina: CA: Ramón 14’; Koke 31’.
NOTAS: 86’ Junquera desvía un penalti lanzado por Fito.

Foto; Diego e Onyia emparedan a un xogador do Lealtad. É o resumo visual do partido. © 21noticias.com

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios