Importante vitoria do Ineltrón Santo Domingo Betanzos

Os betanceiros, en brazos do pavillón, gañan a partida a Estudiantes.

101-90. Tocaba gañar e… por unha vez, as cousas saíron como debían saír. Acirrado por un pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo” tomado polas familias e os xogadores da canteira, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos logrou romper a racha de resultados negativos e conseguir unha vitoria, a décima da temporada, que vale o seu peso en ouro. Comezou frouxo en defensa o Santo -anotando 28 puntos pero concedendo 31 ao rival no 1Q- pero ben axiña os de José Amando Pena “Soviético” lograron darlle á volta ao marcador, cun parcial de 26-15, para marchar 54-46 ao descanso. Nun partido en que os lucenses estiveron lonxe dos números da ida, os betanceiros, con boas porcentaxes (33% en triplas e 56% en tiros de dous) apuntalaron a vitoria no rebote (48 contra 40) e nas xogadas á contra e chegaron a sumar unha renda de +21 (70-49) no terceiro cuarto, que os de Estudiantes conseguiron reducir nos últimos minutos do partido.

Enorme partido de Jorge Abelleira (19 puntos, 9 rebotes e 10 asistencias para un 38 de valoración), a piques da tripla-dobre, e de Randolph (19 puntos e 14 rebotes para un 33 de valoración) e importante achega dun incombustible Marcos Rozas (22 puntos e 7 rebotes). Ben máis aló do 6,75 Dani Martín, cun 40% de acerto e boas sensación para un Mori que logrou sumar 6 puntos e 4 rebotes no tempo que estivo en pista.

Quedan 4 xornadas e o Ineltrón Santo Domingo Betanzos ocupa a 7a posición, empatado con Chantada, tres vitorias por diante de Navia la Magaya, equipo que marca o descenso por bases de competición. Porén, as contas non son tan claras. O “overbooking” de equipos do Norte e Noroeste en Segunda FEB ameaza con sumar varios descensos por arrastre e mesmo a novena praza de grupo (ocupada a día de hoxe por Ulla Oil Rosalía) pode supor o descenso.

Porén, hoxe chove menos ca onte.

Próxima parada, o vindeiro sábado en Navia. Unha vitoria podería certificar practicamente a permanencia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios