Esta semana proseguen as reflexións colectivas en Lugo, Santiago e Silleda sobre a xestión agroforestal, a gobernanza territorial e o papel das persoas e da actividade económica no rural galego
O Foro Territorio Rural Resiliente continúa esta semana o seu proceso de reflexión colectiva coa celebración de tres novas mesas de traballo centradas nalgúns dos desafíos clave para o futuro do territorio rural galego: a xestión activa do espazo agroforestal, a gobernanza territorial e o papel das persoas e da actividade económica no rural.
Estas sesións forman parte do proceso preparatorio do foro final que se celebrará o 28 de maio en Santiago de Compostela, unha iniciativa impulsada desde a sociedade civil galega para promover unha reflexión estratéxica sobre a ordenación e xestión do territorio.
José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, realiza unha valoración moi positiva do desenvolvemento das mesas de traballo celebradas ata o momento do Foro Territorio Rural Resiliente, destacando o alto nivel de participación e o interese suscitado entre persoas expertas, organizacións e entidades convidadas. Segundo sinala, “este proceso de reflexión colectiva evidencia que existe un interese social real por abordar o futuro dos espazos rurais e avanzar nun debate necesario sobre a planificación e a ordenación do territorio”. Como mostra deste interese, sinala que nas últimas semanas, as entidades organizadoras están recibindo solicitudes de diversas persoas e colectivos que desexan sumarse a este proceso de reflexión colectiva e contribuír coas súas achegas.
De cara a canalizar esta demanda social, na web do proxecto, que está en preparación, abrirase unha canle para que calquera persoa poida participar no proceso de cocreación aberto no marco do Foro Territorio Rural Resiliente.
Xestión activa das terras e gobernanza territorial
O primeiro dos encontros terá lugar o 17 de marzo no Campus Terra de Lugo, onde especialistas e representantes de distintos sectores debaterán sobre “Mobilización e xestión activa do espazo agroforestal”. A mesa analizará as vías para impulsar o uso produtivo das terras agrarias e forestais, así como os instrumentos que poden favorecer a recuperación da actividade no territorio.
Ese mesmo día, Santiago de Compostela acollerá outra das mesas do proceso, dedicada á “Gobernanza e cooperación público-privada para a ordenación territorial”, que se celebrará na sede da Fundación RIA. Esta mesa ten como objetivo reflexionar sobre a capacidade organizativa e de acción conxunta de distintos axentes públicos e privados no rural.
O papel das persoas no futuro do rural
A axenda continuará o 18 de marzo en Silleda, na sede da Fundación Roberto Rivas, coa mesa titulada “Persoas, poboación e actividades no rural”. O encontro analizará os retos demográficos e socioeconómicos do rural galego, poñendo o foco na remuda xeracional agrogandeira como base para garantir a principal actividade de xestión activa do territorio, sen perder de vista as dimensións clave que condicionan a retención e atracción de poboación, como o acceso á vivenda, a mobilidade e a dispoñibilidade de servizos básicos.
En todas estas mesas participan entre 15 e 20 persoas expertas e representantes de distintos ámbitos profesionais e organizativos vinculados ao rural, que traballan na identificación de retos, oportunidades e posibles liñas de actuación para mellorar a xestión do territorio.
Un proceso impulsado desde a sociedade civil
O Foro Territorio Rural Resiliente é unha iniciativa independente promovida pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (LaboraTe), coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O obxectivo do proceso é contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente fronte aos incendios e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través da mellora da ordenación e da xestión territorial.
As conclusións de todas as mesas de traballo presentaranse no Foro Territorio Rural Resiliente, previsto para o 28 de maio en Santiago de Compostela, onde se debaterán ante unha audiencia máis ampla para avanzar cara a unha visión compartida do futuro do rural galego.