Unha vez se cubra a praza, recuperarase a organización asistencial previa, polo que dende o PP de Cervantes confirman que continuarán colaborando coa Consellería de Sanidade e traballando de formaresponsable para contribuír á mellora da sanidade e á defensa dos intereses da veciñanza.
Os concelleiros do PP de Cervantes mantiveron unha xuntaza de traballo co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na que abordaron a actual situación sanitaria do municipio.
Trala xuntanza, na que tamén participou a concelleira Encarna Amigo, o voceiro do PP de Cervantes, Óscar Fernández, destacou que “trasladamos ao conselleiro as principais necesidades e preocupacións da veciñanza, facendo especial fincapé na importancia de garantir a estabilidade da atención médica, a cobertura das prazas profesionais e o mantemento duns servizos sanitarios públicos e de calidade no rural”.
Segundo confirmou Óscar Fernández, o conselleiro de Sanidade informou con “total claridade” da situación actual e “reafirmou o seu compromiso firme cos veciños e veciñas de Cervantes, demostrando que a súa preocupación pola veciñanza do municipio é unha prioridade para a súa Consellería”.
Durante a reunión detallouse a situación do centro de saúde de San Román, confirmándose que o centro mantén as dúas prazas de médico de familia. “Unha delas quedou vacante o mes pasado por mor do traslado do facultativo que a ocupaba, e non pola eliminación da praza, como pretenden facer crer outras formacións políticas, alimentando a desinformación”, sinalou.
Dende a Consellería de Sanidade confirmaron que a praza non está amortizada e continúa ofertándose para a súa cobertura. “Mentres a asistencia sanitaria está garantida mediante a médica titular, con reforzos mediante substitucións dous días á semanas e prolongación de xornada”, destacou.
O centro de saúde conta ademais con dúas prazas de enfermería cubertas e persoal administrativo que asegura o funcionamento diario do servizo.
Na xuntanza tamén se explicou que as, aproximadamente, 200 tarxetas sanitarias que corresponden ao consultorio de Doiras se integraron nos cupos do centro de saúde de San Román. “Esta é unha decisión temporal que garante a asistencia sanitaria a través da centralización neste centro mentres non se cubra a segunda praza de médico”, explicou.
Unha vez se cubra a praza, recuperarase a organización asistencial previa, polo que dende o PP de Cervantes sinalan que continuarán colaborando coa Consellería de Sanidade e traballando de maneira responsable para contribuír á mellora da sanidade e á defensa dos intereses da veciñanza do municipio.