A Asociación Mauro Leivas deu os seus primeiros pasos hoxe, 19 de marzo, nun emotivo acto que serviu para render homenaxe a un dos creadores máis singulares e comprometidos da plástica galega contemporánea.
A cidadanía mindoniense deixou pequena a sala do Pazo de Santo Tomé, onde tivo lugar esta presentación que contou coa presencia de alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero; e o tenente de alcalde de Barreiros, Antonio Veiga, que acudiu en representación da alcaldesa, Ana Ermida; o tenente de alcalde de Mondoñedo, Ángeles Rodríguez; o concelleiro de Cultura, Alberto García; representantes do PSOE e do BNG na corporación; así como a comisaria de exposicións da Rede Museística Provincial de Lugo, Silvia Fiallega.
Esta iniciativa está impulsada por un grupo de familiares e amizades cun dobre obxectivo: preservar a memoria artística do creador mindoniense e manter vivo o seu compromiso social e cultural, oito meses despois do seu falecemento en xullo de 2025. A Asociación conta coas figuras referentes de Juan Puchades, Xosé Artiaga, Daniel Caxigueiro, Silvia Fiallega e Encarna Lago.
Mauro Leivas (Mondoñedo, 1955-2025) foi un artista de versatilidade extraordinaria cuxa obra abarcou dende o cómic e o hiperrealismo ata a abstracción dixital. A súa traxectoria caracterizouse pola exploración expresiva da cor, da forma e da emoción, sempre mantendo un fondo respecto polos valores da inclusión e da diversidade. Pero a obra de Mauro non pode separarse da súa personalidade: fundamentalmente libertario, comprometido coa loita fronte ás inxustizas e solidario cos valores que axudaban a definir a súa visión vital.
Un legado artístico cun pensamento propio
O acto comezou coa introdución do secretario da Asociación, Chus Ruiz, que, ademais de da-las grazas a autoridades e veciñanza, destacou o importante papel de Mauro Leivas na arte e no pensamento de Galiza nos últimos anos.
O vogal da entidade, Pedro Leivas, foi o encargado de repasar a traxectoria e significado da súa figura máis alá do artístico. “Cando eu era un neno, el xa falaba de cousas que están sucedendo agora e que daquela parecían guións de ciencia ficción, tachárono de tolo e de ter ideas desatinadas. Hoxe, é recoñecido como un visionario anticipado ao seu tempo”, afirmou.
A activación do compromiso social define a obra de Mauro. Chus Ruíz sinalou que a Asociación será fiel ao seu pensamento e valores promovendo actividades, foros e publicacións que defenden valores transversais na súa traxectoria: o ecoloxismo e a defensa do territorio, a diversidade cultural e os dereitos do colectivo LGBTQIA+, o antibelicismo e o pensamento científico.
En canto ao seu legado artístico, a Asociación Mauro Leivas nace coa vontade de ser algo máis ca un arquivo: quere ser un axente activo na cultura, segundo explicou a vicepresidenta da Asociación, Marián Ferreira. «Mauro Leivas sempre entendeu a arte como un ben compartido, non como algo reservado para poucos; a súa xenerosidade ao espallar a súa obra e colaborar con entidades culturais amosan que para el, a creación era un acto de comunidade”, destacou.
Ata os seus últimos anos, mantivo esa curiosidade incesante, experimentando con novas formas de expresión como as tintas chinesas, que o levaron a reinventarse continuamente. “Ese espírito de investigación e apertura é o que nos gustaría honrar agora, mantendo viva esa obra que xa foi exhibida no Museo Provincial de Lugo e que segue revelando novas capas de significado; conservar o seu legado é preservar esa visión humanista e democrática da arte que sempre o definiu», finalizou.
Por último, a tesoureira de Asociación, Pepa Carballeira, pechou o acto destacando a intención de colaboración coas entidades público e privadas culturais de toda Galicia. Destacou que se trata dunha iniciativa aberta que non se circunscribirá só ao aspecto artístico. “Non gardamos só obras: gardamos un xeito de entender a vida. O legado de Mauro segue na súa arte e no seu compromiso social, e coa Asociación queremos honrar ambas cousas”, conclúeo.
Un chamamento á cidadanía
A Asociación aproveitou esta presentación para facer un chamamento especial á cidadanía: se alguén posúe algunha obra de Mauro Leivas, rogáselle que o comunique a través da web ou do correo electrónico. O obxectivo é unicamente incluír a información no Arquivo Xeral para ter un rexistro completo da súa traxectoria. Do mesmo xeito, buscan calquera outra documentación respecto ao seu traballo, como colaboracións en eventos, carteis, catálogos antigos ou fotografías que axuden a reconstruír a súa historia.
A Asociación convida a toda a sociedade a colaborar no proxecto, ben sexa mediante achega puntual ou formando parte activa da organización. Para máis información sobre as modalidades de participación, pódese consultar a web mauroleivas.gal ou escribir a info@mauroleivas.gal.