A programación de marzo e abril inclúe concertos, obradoiros, actividades na natureza e charlas en vivo.
O Camping Lago Mar de Muxía abrirá de novo as súas portas o vindeiro venres 27 de marzo, e dará á benvida á nova tempada cunha festa con foliada libre e pinchos para todos e todas as asistentes. Tamén vén de presentar a súa programación cultural para os meses de marzo e abril con concertos, obradoiros, actividades na natureza, charlas en vivo e o Retiro Reconectar.
O Camping Lago Mar volve con forza para a tempada 2026. Reabrirá o venres 27 de marzo e farao presentando unha ambiciosa axenda de actividades, renovando a súa aposta por ser un punto neurálxico da cultura na Costa da Morte.
O espazo sitúase aos pés da praia de Lago, en Muxía, nunha contorna natural de gran beleza. Conta con aloxamentos con todas as comodidades e para todos os gustos: bungalows, mobile homes e parcelas para tendas de campaña ou furgonetas e autocaravanas. Ademais de restaurante e zona de bar con terraza, piscina, pista de tenis, e acceso directo á praia, entre outros servizos.
O Camping Lago Mar está xestionado pola coopereativa cultural Horta Creativa, que ofrece un ambiente familiar e agradable onde pasar uns días tranquilos no medio na natureza, ademais de poder disfrutar de eventos e actividades, propoñendo tamén unha axenda cultural a toda a veciñanza da zona.
Toda a información sobre os aloxamentos e servizos do camping pódese consultar na web: www.campinglagomar.es. Tamén se poden facer xa reservas a través do email info@campinglagomar.es
Programación marzo e abril 2026 no Camping Lago-Mar:
O camping abrirá o venres 27 de marzo cunha grande festa. Será a partir das 18:30 horas e haberá foliada libre e pinchos para todos e todas as asistentes.
Música
A música volverá a ser a columna vertebral da programación neste 2026. Este ano o Camping é un dos espazos participantes do circuíto Girando por Salas. Nese marco poderemos disfrutar do concerto de Bigblack Rhino o 17 de abril ás 21:00 horas. O quinteto mestura a dozura do soul e o blues coa acidez do rock and roll, cunha aposta explosiva no escenario, o que lles ten levado a xirar por toda a xeografía española. A entrada a este concerto ten un prezo de 5 euros e inclúe unha tapa especial.
Tamén visitará o camping a cantautora Mabel Flores coas súas letras cheas de forza e compromiso social, e unha mestura de xéneros que van dende o pop aos sons máis urbanos e a canción de autor, será unha oportunidade máxica de descubrir o seu traballo. O seu concerto será o 2 de abril ás 13:00 horas. Polo escenario pasará así mesmo o dúo Coídos o 5 de abril ás 13:00 horas; a música animada e desenfadada de Salitre, o 10 de abril ás 20:00 horas; e o pop alternativo e psicodélico de Lontras, que presentará no Lago Mar o seu álbum debut. Todos estes concertos teñen acceso con entrada inversa.
Obradoiros
Xa é posible apuntarse aos dous obradoiros que acollerá o camping en abril. Un será de modelado en barro con María Barca (Crúa). A sesión será o 14 de abril ás 18:30 horas e nel se fará todo o proceso de modelar unha peza usando barro de Buño. Cada persoa dará forma a súa propia peza e unha vez feita tardará 3 semanas en estar lista (seca e cocida). As pezas recolleranse no Camping ou en Carballo dúas semanas despois. O obradoiro inclúe todo o material e ten un prezo de 38 euros/persoa.
O outro será un bonito obradoiro de debuxo a lápiz con Laura Romero, no que a mestra ensinará as principais técnicas para perderlle o medo ao papel e que poidamos plasmar os nosos bocetos no día a día con soltura, disfrutando da nosa creatividade. O obradoiro será o 25 de abril ás 18:00 horas e ten un prezo de 15 euros/persoa.
Para participar dos obradoiros é ncesario inscribirse en info@campinglagomar.es
Actividades na natureza
Para celebrar a chegada da primavera haberá dúas actividades na contorna do Camping. A primeira será unha Ruta Interpretativa do Camiño dos Faros con Rafael Lema que irá dende a Ponte do Porto ata o camping. Á chegada haberá unha benvida en forma de paella. Os e as asistentes terán a opción de ducharse no camping despois da ruta. Será o 2 de abril ás 10:00 horas e a participación é gratuíta pero é necesario inscrición previa en info@campinglagomar.es.
En abril repite tamén unha actividade que tivo moito éxito en edicións anteriores: unha Xornada de plantas silvestres comestíbeis con Sabores Espontáneos. Nesta actividade saímos de ruta para aprender a identificar plantas silvestres da Costa da Morte que se poden comer, ao regreso ao camping disfrutaremos dun showcooking e da parte máis esperada: a degustación dos platos preparados, Será o 18 de abril ás 10:00 horas, ten un prezo de 29 euros por persoa, e hai que inscribirse en info@campinglagomar.es
Ioga e brunch
Unha das actividades máis desexadas no camping: os domingos de ioga e brunch regresan esta tempada. En abril haberá as seguintes datas:
O 5 de abril a partir das 10:00 horas será día de ioga e brunch con Nuria Calzas. O 19 de abril a partir das 10:00 ioga e brunch con Lila Búa. Ademais, Lila impartirá unha sesión de PowerFit e brunch o 12 de abril ás 10:00 horas. O domingo 26 de abril será mañá de brunch.
Estas actividades requiren inscrición previa en info@campinglagomar.es
Conversas en vivo
A cooperativa Horta Creativa lanzou o ano pasado o seu podcast Antonte e Pasadomañá, no que se tratan temas ligados á Galicia e á Costa da Morte da man de convidados que nos guían a través dos cambios que viviu o noso territorio, e tratan de adiviñar o que estar por vir. Os capítulos adoptan o formato de charla en directo e algúns deles son gravados no camping e abertos ao público.
Entre marzo e abril haberá tres charlas ás que se poderá asistir libremente. Na primeira o 28 de marzo ás 12:00 horas descubiremos historias de naufraxios na Costa da Morte con Fernando Patricio. Na segunda o 2 de abril ás 16:00 horas coñeceremos as marabillas e curiosidades do Camiño dos Faros. E na terceira o 4 de abril ás 18:00 horas falaremos de cultura en Galicia da man de Prado Rúa e Leila Fernández do Faiado Podcast.
Exposición de ilustracións
Ademais, entre o 27 de marzo e o 30 de abril poderase visitar a exposición de ilustracións que a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) prepará no camping.
Retiro Reconectar
O camping tamén acollerá un evento especial ao que xa é posible apuntarse: a cuarta edición do Retiro Reconectar coa mestra Rocío Cervino. Serán catro días na Costa da Morte, desconectados do mundo exterior e enfocados no benestar, na relaxación e o autocoñecemento.
Haberá: paseos na natureza, ioga e meditación, dinámicas para aprender a habitar a calma e entendernos e sentirnos mellor con nós mesmos, música en vivo, e tempo para o lecer aos pés do océano. O retiro inclúe aloxamento nos nos bungalows do camping, así como os almorzos, comidas e ceas
Pódese consultar máis información e reservas en info@campinglagomar.es e rocio@rociocervino.com
—