O Estradense sorprende con xogo e goles ao Villalbés na Madalena

O Estradense, arrimou a sardiña á súa grella e cociñou unha boa vitoria na Madalena. Os pupilos de Manu González aproveitaron in centro xute de Ángel, ao comezo do segundo tempo, e unha xogada de Gerard, culminada por Padín, para que o 0-2 lle dera tres puntos na complicada visita a Vilalba. O peor do partido foi o choque entre Álex e Vérez que obrigounos a deixar o xogo con fortes dores.

Dous equipos traballados

Dous equipos coas ideas ben definidas e bo fútbol contenderon baixo o sol matinal na Madalena. O Racing Villalbés, atendendo á verticalidade e a rapidez dos seus ataques, e o Estradense, elaborando un fútbol posicional, con predominio no control da pelota, que comezou sacando algunha vantaxe sen éxito en lanzamentos varios desde a frontal aos que atendeu ben a poboada defensa local.
Houbo que esperar ao minuto 33 para ver unha situación realmente clara. Borja Míguez abriuse á dereita nun ataque rápido, atopou o espazo para medir o centro ao segundo pau e López, indeciso, tal vez porque o remate tapáballo un defensa, non finalizou, colocando un pase aéreo ao centro da área que foi abortado pola defensa visitante,
Co paso do tempo, o Estradense perdera consistencia na medida que a presión local era máis efectiva. En calquera caso, a retagarda visitante interpretaba ben os intentos racinguistas de gañar superioridades en tres cuartos, co amplitude que podían dar Anthony, quen en varias ocasións mostrouse como falso carrileiro para converterse nun volante, ou José Varela.
A derradeira acción do primeiro acto foi un centro de Gael que Borja Míguez atrapou cunha cabezada. O balón voou a rentes da trabe.

Goles visitantes ao comezo e ao final

O segundo tempo non demorou en deixar noticia. No segundo ataque do Estradense, primeiro pola dereita, Ángel, desde a liña de cal, colocou un mortal centro xute, moi próximo á trabe. Álex Santomé, ben confiado demais, ben incomodado polo sol, non mediu o toque coa man e o único que fixo axudar a que o coiro acabara dentro da portería aos 49 minutos. O lateral, que facía o primeiro gol nunha campaña na que o marcou unha lesión, debeu retirarse con doenzas físicas logo da celebración.
O minuto trece puido resultar fatídico por un choque na área forasteira entre Álex e Vérez. Ambos deixaron o partido tras catro minutos de atencións médicas. Juan Rodríguez aproveitou para darlle un carácter máis ofensivo aos locais incorporando a Pablo Trigo.
Aínda así, foi o Estradense quen puido marcar de novo nunha combinación entre Porrúa e Bellido pola esquerda, O centro do lateral foi para Raúl, dentro da área, quen pateou o balón por alto no minuto 69.
Juan Rodríguez renovou dous homes de ataque para o teito final e, por segunda vez, o Estradense estivo a piques de sorprender nunha acción a balón parado Dani Pedrosa lanzou in córner á esquerda de Álex Santomé e Brais Vidal, liberado de marcas, cabeceou desviado.
O Racing Villalbés estivo a piques de empatar nun centro raso, que non alcanzou por centímetros Pablo Trigo cando comezaban os doce minutos de prolongamento. Cando o mesmo estaba rematando, dous dos homes máis frescos dos visitantes, puxeron sentencia ao partido. Gerard regateou pola esquerda, centro ao segundo pau e nel, absolutamente só, Padín tivo tempo a preparar o disparo e subir o seu cuarto gol no torneo que deu o 0-2 final.
Os estardenses non gañaban en Vilalba desde a eliminatoria da fase de ascenso a Segunda Federación da campaña 2020/21. Os da Terra Chá mantéñense en zona de fase de ascenso, pero baixaron a produción de puntos ao sumar só dous dos últimos doce posibles e, por cuarta xornada consecutiva, apañan dous goles na casa.

Ficha

XOVES 19/03/2026 (12,00) Campo: A MADALENA (250)
RACING C. VILLALBÉS : 0 – C.D. ESTRADENSE : 2 (0‑0)

VIL : Álex Santomé; José Varela, Cadra, Vérez (Pablo Trigo 62’), López (Buyo 88’), Anthony (Mosquera 78’); David García, Rey, Javi Varela, Gael (Santi Prado 88’); Borja Míguez (Herrero 78’). Tre. Juan Rodríguez. (Banco: Yago Miguelez (g); Edu Reigosa; Gegunde).
EST : Álex (Israel 62’); Ángel (Óscar López 50’), Carabán, Landeira, Bellido; Porrúa (Gerrard 83’), Brais Vidal, Raúl (Padín 83’), Miguel, Pedrosa; Edu (Mella 83’). Tre. Manu González. (Banco: Pichi; Prieto; Marcos; Ian).
Goles: 0-1 Ángel 49’; 0-2 Padín 90’.
Árbitro: Estévez Blanco (Galiza-Ourense). Auxiliares: Novas Benavides e Castro Fernández.
Disciplina: CA: Javi Varela 20’; Cadra 36’; Raúl 71’; Bellido 75’.

Foto: Vérez nunha férrea marcaxe sobre Edu. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios