O Ineltrón Santo Domingo busca certificar a salvación en Navia

Os asturianos, pola súa parte, queiman os últimos cartuchos para a permanencia.

Logo do 101-90 contra Estudiantes Lugo do pasado domingo, vitoria que puxo fin a unha racha de catro partidos consecutivos perdidos, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos intentará seguir sumando no seu desprazamento a Navia (Asturias), onde o espera o 11o clsaificado da competición, primeiro posto de descenso por bases de competición.

Os asturianos, con 3 vitorias menos ca os betanceiros, xogan a súa última baza para seguir tendo opcións a salvar a categoría (toda vez que, polos arrastres dende Segunda FEB, se esperan varios descensos máis), mentres que os José Amando Pena “Soviético” poden certificar case matematicamente o obxectivo da temporada, se logran sumar no seu desprazamento.

Malia que o partido en Betanzos supuxo a meirande vantaxe da temporada para os do Ineltrón (109-61) o deste sábado non vai ser un partido nada doado, tanto pola urxencia de resultados dos locais como polos reforzos que, dende aquela, experimentou o equipo rival (entre eles o ex-Plata Diamond Onwuka, que se suma así a Javi Prieto, máximo realizador do equipo, ou ao georgiano Sharashidze, por poñer só uns exemplos).Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador do Ineltrón Santo Domingo: “Afrontamos o partido con moita ilusión, o equipo está adestrando moi ben. Sabemos que é un partido con moita presión para o equipo de Navia e que vai estar arroupado polos seus seguidores, pero nós, se somos capaces de impor o noso xogo de ataque, teremos opcións de gañar”.

Completa xornada para o resto do club

Nunha xornada que xa comezou o xoves con varios partidos -aproveitando o festivo do 19 de marzo-, entre eles o derby mini entre o Santo 2015 e o Piccola Alameda, o partido entre o Cyrdega infantil e o Xiria, ou o encontro que disputaron as júnior de Infor-B contra Costa Ártabra, o venres abre propiamente a axenda da fin de semana cunha nova cita dos de Cyrdega viaxando a Arteixo. O sábado será a quenda dos premini masculino (contra Basquet Coruña), dos júnior de Texas Controls (que se medirán a Xiria) e das sénior feminino de Neón Tasca (contra A Estrada). Para o domingo queda o partido das cadete de Decornaveira en Compañía de María, o de Infor-B contra Arteixo na casa, os desprazamentos do Grelo e de Warnier e o que promete ser un dos partidos máis interesante da xornada, o dos cadetes de J. Caamaño Arquitecto contra Porriño, fundamental para a permanencia en primeira división. Pecha a xornada o sénior de 3a contra Cambre.

Comparte éste artículo
No hay comentarios