O Racing, que estivo mellor no segundo tempo, deixou pasar outra xornada para recuperar algunha das cinco primeiras posicións. Fechando o domingo, con moitos resultados favorables, foi incapaz de superar ao Barakaldo, que leva da Malata un punto e o goal average no caso de empate cos verdes.
Media hora ás ordes do Barakaldo
O Barakaldo saltou ao partido para ter o control da pelota metendo ao Racing na súa parcela. En calquera caso, a súa primeira ocasión, aos tres minutos, foi cun balón en longo desde a defensa. Mandiang fíxose con el en tres cuartos e xutou alto logo de pisar área.
Tamén o Racing atacou. Foi algo máis activo pola banda dereita, desde a que chegou o centro de Álvaro Juan ao segundo pau no minuto cinco.. Álvaro Ramón preparou o golpeo na área, pero a pelota rebotou nas pernas dun defensa.
Os biscaíños tiveron a seguinte nun golpe franco sobre a frontal. Huidobro tentou superar a Parera por riba, pero a barreira desviou pola liña de fondo cando se cumpría o cuarto de hora.
Pouco despois, Mandiang non foi capaz de alcanzar un centro de Galarza ao borde a área pequena. O Barakaldo mandaba cunha forte presión, mentres o Racing, con problemas, perdía axiña e seguía buscando opcións atacando polo flanco dereito.
O ex racinguista Merino exemplificou o dominio visitante cun disparo de pouca forza, que Parera chapou no alto.
Malia os problemas, o Racing alcanzou outra vez a área baracaldesa no minuto 27, nunha finalización que preparou Jairo. Álvaro Juan culminou sen acerto. Un defensa desvioulle o tiro e Campos, rectificando fácil, fíxose co esférico no chan.
O partido baixou o ritmo a partir da media hora. O Racing aproveitouno para ter algo máis de manexo de pelota, forzar un par de corners e, sobre todo, que o partido non estivera tanto en campo propio.
Melloría insuficiente
O Racing saíu mellor no segundo tempo. Aos cinco minutos, Escobar, moi condicionado polo seu marcador na perpendicular do primeiro pau, punteou mordido un centro de Álvaro Ramón.
Os visitantes apareceron cinco minutos despois cun centro de Mandiang que Merino cabeceou á trabe.
O partido igualouse. Ao Racing sobrábanlle Jairo, improdutivo na banda, e un dianteiro, porque non había quen dera criterio á posesión. Guillermo Fernández observaba o mesmo e incorporou a Pascu e a Concha para a derradeira media hora.
O partido avanzaba e o santanderino, que un pedazo antes mandara ao limbo un remate fácil, coa xogada invalidada, achegouse máis á trabe tras un servizo de Pascu no minuto 73.
O Racing mellorara durante a segunda metade, pero non o necesario para superar ao Barakaldo na área gualdinegra. Os centros á área desde a dereita ían acumulándose e sendo resolvidos pola zaga. De la Sota fora debuxando un equipo máis defensivo e os galegos podían construír o xogo desde máis adiante. Non abondou porque o ataque era previsible e mesto.
No prolongamento, Parera detivo un disparo de Eric Pérez no que foi a derradeira ocasión do partido. O Racing deixou fuxir o goal average particular co Barakaldo e unha boa ocasión para subir postos na táboa nunha xornada de moitos empates.
Ficha
DOMINGO 22/03/2026 (18,15) Campo: A MALATA (4.594)
RACING C. FERROL : 0 – BARAKALDO C.F. : 0 (0‑0)
RAC : Parera; Edgar, Artetxe, Saúl, Álvaro Ramón; Álvaro Juan (Leal 89’), Fabio, Tejera (Dacosta 85’), Jairo (Pascu 58’); Álvaro (Tavares 89’), Escobar (Concha 58’). Tre. Guillermo Fernández. (Banco: César (g); Lucas (g); Mardones; Chema; Gorostidi; Azael; Azkune).
BAR : Campos; Pedernales, Dufur (Ropero 75’), Arana, Oier López; Mandiang (De Jesús 75’), Castillo, Merino (Ekaitz 62’), Huidobro, Íñigo Muñoz (Eric Pérez 80’); Galarza (Valiño 62’). Tre. Imanol de la Sota. (Banco: Ispizua (g); Borja; Marc Torra).
Goles:
Árbitro: Pozueta Rodríguez (Cantabria). Auxiliares: Álvarez Borbolla e Campelo Núñez. 4º árb.: Cardoso Rodríguez.
Disciplina: CA: Huidobro 16’; Fabio 59’; Tejera 80’; Oier López 85’.
Foto: Álvaro Juan nun dos poucos avances locais do primeiro tempo. © 21noticias.com