Rego e Da Silva trasladan o apoio do BNG á Galiza-Global Sumud Flotilla e reclaman ao Goberno medidas para garantir a súa seguranza

Ambos coinciden en sinalar a necesidade de que se leven a cabo medidas preventivas que garantan a seguranza das embarcacións durante as misións solidarias.

 O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora do BNG, Carme da Silva, mantén unha reunión coa Delegación Galega da Global Sumud Flotilla que partirán proximamente rumbo a Gaza, co obxectivo de trasladarlles o apoio do Bloque Nacionalista Galego e coñecer de primeira man a situación e as demandas destas iniciativas solidarias.

Durante o encontro, as e os representantes da Delegación Galega da Global SumudFlotilla explicaron os preparativos das novas misións humanitarias que teñen como finalidade romper o bloqueo sobre a Faixa de Gaza e enviar axuda humanitaria.

Néstor Rego subliña a necesidade de que o Goberno do Estado “abandone a pasividade e actúe de maneira preventiva para garantir a seguranza das persoas que participan nestas misións humanitarias”. Neste sentido, lembra que “non é a primeira vez que embarcacións destas características sofren ataques, asaltos ou secuestros en augas internacionais, unha vulneración do Dereito Internacional que non pode quedar sen resposta”.

O deputado do BNG anuncia que a formación nacionalista rexistrará iniciativas nos Cortes do Estado para reclamar ao Goberno medidas concretas, entre elas o estabelecemento de canles de comunicación previas coas flotillas e a activación de mecanismos diplomáticos que garantan o respecto á liberdade de navegación. “Non abonda con actuar despois dos ataques; é imprescindíbel anticiparse e protexer estas misións que defenden os Dereitos Humanos” afirma.

Pola súa parte, Carme da Silva incide en que “o Estado español debe posicionarse con claridade en defensa do Dereito Internacional e dos pobos que están a sufrir situacións límite, como Palestina”. A senadora destaca que “o pobo palestino está a vivir unha situación de emerxencia humanitaria extrema, consecuencia dun bloqueo e dunha política de exterminio por parte de Israel”.

O BNG considera imprescindíbel que o Goberno do Estado adopte unha posición máis firme e propositiva, colaborando con outros países para garantir o cumprimento do Dereito Internacional e a protección das misións humanitarias. Así mesmo, a formación nacionalista demanda que se estabelezan medidas preventivas efectivas que eviten novos ataques e garantan a libre navegación en augas internacionais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios