O traballo realizado por Silvio Aguilar sobre novas tecnoloxías eficientes e respectuosas co medio ambiente para a depuración da auga foi o gañador do premio da tese de doutoramento organizado por esta Cátedra.
A Universidade da Coruña acolleu este luns o acto de entrega do III Premio de Tese Doutoral da Cátedra Hijos de RiveraUDC de Desenvolvemento Sostible,galardón que recaeu nunha investigación centrada no desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas, eficientes e respectuosas co medio ambiente para a depuración da auga, un dos grandes retos ambientais a escala global.
A tese “Aplicación de procesos de oxidación avanzada en depuración del auga”, realizada por Silvio David Aguilar Ramírez, doutor en Ciencia e Tecnoloxía Ambiental pola Universidade da Coruña, obtivo o premio, dotado con 5000 euros. O acto de entrega celebrouse esta mañá no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), no campus de Elviña.
A investigación aborda unha problemática de especial relevancia social e ambiental: a crecente presenza de contaminantes emerxentes e microorganismos patóxenos nos sistemas acuáticos. O traballo propón solucións baseadas na optimización de procesos fotoquímicos de oxidación avanzada, cun enfoque práctico, economicamente viable e sustentable, aliñado co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) número 6 das Nacións Unidas, relativo á xestión sostible da auga e ao saneamento.
Un dos principais resultados da tese é o desenvolvemento dun fotocatalizador heteroxéneo innovador, elaborado a partir de arxila natural e óxidos metálicos semicondutores, que destaca polo seu baixo custo, facilidade de recuperación e reutilización, alta durabilidade e estabilidade, así como polo seu potencial para aplicacións a escala industrial. Esta solución representa unha alternativa viable para mellorar a calidade da auga e reducir o impacto ambiental dos procesos de depuración actuais.
Tal e como explicou o galardoado, o traballo realizouse no marco dunha colaboración internacional entre España e Ecuador, con investigación desenvolvida, por unha parte en laboratorios da Universidade da Coruña eoutra na da Universidade Técnica Particular de Loja. Ao longo da súa tese doutoral, o autor participou tamén en distintos proxectos relacionados coa avaliación da calidade da auga e a descontaminación de sistemas acuáticos.
Segundo explicou o director da cátedra, Benito Pérez, o xurado, que estivo integrado por cinco doutoras e doutores de distintas áreas da Universidade da Coruña, valorou especialmente a relevancia científica, a aplicabilidade práctica e o impacto ambiental e social da investigación. Nesta terceira edición, o tribunal concedeu tamén un accésit non remunerado á tese “Innovative materials chemistry strategies for engineeredenhanced thermomaterials for barocaloric and related solidstate refrigeration”, realizada por Javier García Ben.
Xunto aos galardoados, participaron nesta entrega o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle, e o director de Sustentabilidade Ambiental de Hijos de Rivera, Emiliano Barelli.
Canle destacou a calidade e aplicabilidade da investigación desenvolvida, que está perfectamente aliñada coas prioridades da UE no ámbito da auga. “A investigación afonda na liña de sustentabilidade na que traballa a UDC dende hai anos de garantir o dereito humano a dispoñer de auga de calidade para xeracións futuras”, salientou. Así mesmo, valorou o feito de que o premiado é un investigador estranxeiro formado como investigador na UDC, que actualmente exerce de docente no seu país de orixe, o que “é un exemplo da misión da universidade de transmitir coñecemento e de internacionalización”.
Por último, Barelli destacou os catro piares do Plan Estratéxico de Impacto Positivo da compañía Hijos de Rivera, que está en vigor desde o ano 2020: aliados, orixe, persoas e planeta. “A esta última liña, planeta, pertence a Cátedra, que ademais deriva en outras catro liñas de acción, a descarbonización, a biodiversidade, a economía circular e o uso responsable da auga”.
Cátedra Hijos de RiveraUDC de Desenvolvemento Sostible
A Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible foi creada en 2019 co fin de fomentar o intercambio de experiencias no campo da docencia, a investigación e a cultura en xeral. A iniciativa responde ao compromiso da compañía galega coa súa contorna e a súa forte vinculación coa agricultura, orixe do 100% das materias primas dos seus produtos.
O principal obxectivo da Cátedra é explotar modelos innovadores e disruptivos que garantan o equilibrio entre a competitividade económica, o respecto ao medio ambiente e o avance social. A idea é facilitar á comunidade universitaria e á sociedade, unha visión analítica sobre a importancia estratéxica de alcanzar un desenvolvemento socioeconómico compatible co medio ambiente.
A cátedra está adscrita á Facultade de Economía e Empresa da UDC e ao Campus de Sustentabilidade e expón a posta en marcha de actividades de investigación, encontros entre diferentes actores interesados, seminarios sobre experiencias e modelos de transformación socioeconómica, así como propostas de formación e divulgación relacionadas co desenvolvemento sostible.