O coordinador de UCIN Boiro, Miguel Piqueras, elevou o ton este martes para denunciar o que cualifica como unha «falta de respecto» continuada cara aos veciños das parroquias. Segundo a formación, o goberno local prefire investir miles de euros en «poñer bonito o escaparate» do centro urbano antes que garantir a seguridade básica nas aldeas.
Piqueras sinala que, mentres o Concello presume de modernidade, a realidade fóra do casco urbano é de «abandono absoluto». Rúas sen un só punto de luz, farolas fundidas dende hai meses e postes deteriorados son a tónica habitual nun rural que, en pleno 2026, parece condenado á penumbra. «O rural está ás escuras porque o Concello simplemente decidiu borralo do mapa», sentencia o coordinador de UCIN.
A crítica máis aceda de UCIN céntrase na substitución de farolas que funcionaban perfectamente na zona peonil. Para Piqueras, este gasto é un «insulto» á intelixencia dos veciños: «En lugar de instalar luminarias LED, máis económicas e eficientes, tiran o diñeiro en cambiar o que xa funcionaba para sacar a foto».
Esixen un inventario de avarías Dende UCIN Boiro non se quedan na queixa e esixen transparencia inmediata:
- Canto diñeiro público se está a «tirar» en zonas xa iluminadas?
- Por que se descartou a opción LED, moito máis sensata e barata?
- Cando haberá un inventario real das avarías e puntos negros que sofren os veciños fóra do centro?
«O rural non é un adorno nin un xoguete electoral; merece dignidade e servizos polo que paga», conclúe Piqueras, advertindo que esta «escuridade política» só agrava a fenda entre os veciños de Boiro.