Na xornada presentarase o libro “Comunicación y Salud”, parte da colección editorial dedicada aos ODS impulsada pola Cátedra xunto coa Editorial UOC e Vegalsa-Eroski, e impartirase un relatorio sobre o impacto das redes sociais na saúde mental da poboación adolescente.
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa organiza o vindeiro 8 de abril, ás 13:00 horas, a xornada “Comunicar + Saúde”, que abordará o uso das redes sociais entre adolescentes e o seu vínculo coa saúde mental. O acto terá lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias da Saúde do Campus de Oza e será de entrada libre previa inscrición a través desta ligazón. Ademais, contará con interpretación en lingua de signos, polo que está aberto á participación da comunidade xorda.
A sesión porá o foco na relevancia da comunicación como ferramenta clave para promover a saúde e o benestar, en liña co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 3. Neste contexto, presentarase o libro “Comunicación y Salud (ODS No3)”, a cargo de Daniel Catalán, catedrático de Xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid. A publicación forma parte dunha colección editorial composta por 17 títulos centrados na contribución da comunicación a cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), e que edita a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC en colaboración coa Editorial UOC e a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski.
Ademais, a xornada contará co relatorio “Viviendo en el feed. Salud mental y redes sociales en la adolescencia”, impartida por Mónika Jiménez, profesora da Universidade Pompeu Fabra. Durante a súa intervención, abordará o impacto das redes sociais na saúde mental da poboación adolescente, así como os desafíos e oportunidades que presentan estes espazos na construción de discursos arredor dos trastornos psicolóxicos.
Relatores
Daniel Catalán é catedrático de Xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid. Conta con case dúas décadas de experiencia no ámbito da comunicación sanitaria, cunha destacada traxectoria internacional en organizacións de saúde pública e unha ampla produción científica de impacto. É, ademais, director de MEDIALAB, o grupo de investigación da Universidade Carlos III centrado na análise dos medios, a participación pública e a tecnoloxía.
Pola súa parte, Mónika Jiménez é doutora en Comunicación Audiovisual pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, onde imparte docencia. Dirixe na actualidade un proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades enfocado no papel da poboación adolescente como receptora e creadora de contidos sobre saúde mental nas redes sociais. A súa liña de investigación aborda, entre outros aspectos, os efectos das mensaxes mediáticas nos trastornos alimentarios e o uso dos eventos como ferramenta de comunicación estratéxica nas relacións públicas.
Con esta iniciativa, a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC reforza o seu compromiso coa divulgación do coñecemento e coa análise dos retos sociais contemporáneos desde a perspectiva da comunicación responsable.