O Consello de Goberno aprobou hoxe a súa creación co obxectivo de dispor dun instrumento eficaz para a docencia descentralizada do Grao de Medicina.
O Consello de Goberno da UDC vén de aprobar na súa reunión de hoxe a creación do Departamento de Medicina, que estará composto por 10 áreas de coñecemento: anatomía e embrioloxía humana, cirurxía, farmacoloxía, fisioloxía, historia da ciencia, medicina, medicina preventiva e saúde pública, otorrinolaringoloxía, psiquiatría e radioloxía e medicina física.
Desde a Universidade da Coruña, “seguimos avanzando e dando novos pasos para aplicar o convenio de descentralización de Medicina nas mellores condicións posibles”, explicou o reitor da UDC, Ricardo Cao. Cao lembrou que o calendario dese acordo é moi esixente, razón pola que é necesario traballar en diferentes liñas internas en paralelo aos traballos da comisión de seguimento do convenio.
O texto asinado entre as tres universidades públicas do SUG e as Consellerías de Sanidade e de Educación prevé que a descentralización de toda a docencia de 4º, 5º e 6º de Medicina, a teórica e a práctica, esté completada no curso 2028/2029.
Así, a agrupación nun único departamento de todas as especialidades de coñecemento das ciencias médicas e biomédicas permitirá realizar unha mellor planificación docente do ensino descentralizado de Medicina, crear sinerxías entre as diferentes especialidades que o compoñen e consolidar a súa proxección académica e social.
Co persoal docente e investigador existente na actualidade, o departamento iniciará a súa andadura con 49 membros, cifra que se irá incrementando coas incorporacións que se formalicen no futuro en calquera desas dez áreas.
A UDC conta xa cunha memoria de titulación de Medicina, aprobada pola Xunta de Facultade de Ciencias da Saúde o pasado mes de febreiro, o que amosa o compromiso da Universidade da Coruña con esta área de coñecemento. Deste xeito, a UDC ten preparados todos os pasos previos á verificación da memoria, que presentaría, de ser o caso, se se incumprise algunha das cláusulas establecidas no acordo de descentralización.
Profesorado honorario e premios doutoramento
O Consello de Goberno aprobou o nomeamento de dous profesores eméritos. Trátase do catedrático Ricardo García Mira, da Facultade de Ciencias da Educación, que se xubilará ao rematar este curso académico, e de Luis González García, profesor de Filoloxía, que rematou a súa actividade académica o pasado mes de febreiro.
Na sesión de hoxe foi aprobada tamén a convocatoria de Premios Extraordinarios de Doutoramento correspondentes ao curso académico 2024/25. Poderán participar nestes premios as persoas doutoras que defenderan a súa tese de doutoramento entre o 01/09/2024 e o 31/07/2025 e que obtiveran a cualificación de “sobresaliente” e se lle outorgara a mención de Cum Laude.
Novo Consello de Goberno en abril
A de hoxe foi a última sesión ordinaria do órgano coa actual constitución. O próximo 15 de abril formarase o novo Consello de Goberno, adaptado á LOSU e aos novos Estatutos da UDC, unha vez designada a representación tras as últimas eleccións en centros e ao Claustro. Por tal motivo, o reitor tivo palabras de agradecemento a todas as persoas que formaron parte deste órgano de goberno, pola súa participación e implicación nas diferentes sesións e tomas de decisións.