A sufrida vitoria perante Xiria (86-87) achega aínda máis a salvación matemática
A festa non puido ser completa (o Sigaltec, o único que pode disputar a salvación matemática xunto a Chantada aos betanceiros, derrotou no último segundo a Obradoiro) pero o paso dado na tarde do sábado dos rapaces de José Amando Pena Soviético, axudado nestes últimos partidos de liga por Chema Carretero, é un auténtico paso de xigante para garantir unha posición que se libre dos arrastres dende Segunda FEB e permita celebrar a permanencia, un ano máis, en Terceira FEB (antiga liga EBA) sen necesidade de estar a expensas do que aconteza cos ascensos, playouts de permanencia e demais eventualidades de fin de temporada. Quitando o suspense final, logo de que os betanceiros chegasen a desbaldir unha renda de +14 para xogar todo a tres tiros libres do rival no último segundo, tras unha falta sobre a bucina, o partido do Ineltrón foi un partido serio, con defensas agresivas e superioridade no rebote. A superioridade betanceira, cun xogo ordenado e serio, traduciuse en vitorias parciais no 1º, 2º e 3º cuarto (22-25,19-23, 15-18) e só a reacción dos locais, cando viron perigar definitivamente o partido, apertaron as cousas ao remate cun parcial de 30-21 nun último lance en que, varias pelotas perdidas e tiros libres fallados, deron a opción ao Xiria de empatar o partido grazas á discutida decisión de conceder tres tiros libres nun tiro fallado a 9 metros sobre a bucina. Para o pasmo dos betanceiros, que xa estaban celebrando a vitoria, e a ledicia posterior, Carlos valera meteu os dous primeiros tiros libres pero fallo o último, co que as opcións de empate voaron do pavillón Vila de Noia e o conxunto de Betanzos sumou esa vitoria que vale o seu peso en ouro. Así valoraba o partido o adestrador foráneo: “Bo partido o de hoxe dos nosos. Mal comezo, que se foi corrixindo paseniño con boas defensas e ataques ben xogados, chegando a ir por 14 arriba. Xiria fixo valer a súa condición de local e segundo na liga para un final ben axustado”. Polo que toca ás achegas individuais, 26 de valoración e dobre-dobre para Randolph Acevedo (19 puntos e 11 rebotes) confirmando a extraordinaria aclimatación á competición dun xogador procedente da Segunda Autonómica, 20 para Abelleira (21 puntos, 4 rebotes e 4 asistencias), 18 para Dani Martín (18 puntos) e importantísimos minutos en pista de Mori Cissoko (4 puntos e 9 rebotes, co mellor +/- dos betanceiros, un +13).
Os cadetes de J. Caamaño Arquitecto aseguran a permanencia en Primeira Galega
A outra boa noticia da xornada foi a vitoria por 98-70 dos cadetes de J.Caamaño Arquitecto de Chema Carretero fronte a Culleredo, que aseguran así a permanencia na liga galega á que ascenderon o pasado febreiro, todo un logro para un equipo de primeiro ano que contou ata agora nesta fase coa axuda dos 3 reforzos por partido de xogadores de segundo que permiten as bases de competición.