CCOO mobilízase contra os abusos, os despedimentos e a política salarial «miserable» en Celtic Estores

O sindicato acusa ao máximo accionista, Emiliano García, de enriquecerse coa explotación das persoas traballadoras e denuncia que non aboou nen a cuarta parte dos atrasos que debía

As persoas traballadoras de Celtic Estores, do Grupo Bandalux, concentráronse entre as 14:00 e as 14:30 deste luns convocadas por CCOO ante a sede da empresa, en Moraña, para protestar contra unha longa serie de agresións aos dereitos do persoal que se están a dar na compañía, que ten como principal accionista a Emiliano García García.

O último episodio foi o despedimento disciplinario do xefe de Mantemento, recoñecendo a continuación a propia empresa que o despido foi improcedente. Trátase dun profesional que mellorou substancialmente o sistema produtivo, pero que cometeu o erro de non mostrar submisión ante o director da fábrica, Sergio Sánchez, que actúa de brazo executor dunha política de persoal que pretende explotar o cadro de persoal con acoso, abusos, e tratando de meterlle medo ás persoas traballadoras para que non reivindiquen o que lles pertence.

Os produtos de Bandalux teñen un altos prezos no mercado, pero non son consecuencia de elevados salarios. Todo o contrario: máis do 80% das 200 persoas do cadro teñen a categoría de operario e teñen un soldo que é moi pouco superior ao SMI. A empresa págalles como operarios cando realizan funcións de oficiais, o que supón que queda cada ano con máis de 3000 euros por cada persoa traballadora.

Pero a política salarial miserable de Emiliano García non se detén aí. Nas nóminas do mes de marzo o persoal tiña que cobrar atrasos do convenio de varios anos —unha media por persoa de 600 euros— e só lles abonaron entre 120 e 150 euros, dependendo da antigüidade. E esa foi unha decisión meditada, xa que ante a reivindicación de CCOO de que pagasen o debido, a empresa xa anunciara que non o ía a facer. O asunto, obviamente, acabará dirimíndose no Xulgado do Social de Pontevedra.

A mobilización de hoxe é a primeira doutras que se darán porque CCOO non vai permitir que Emiliano García se siga enriquecendo co suor e coa explotación das persoas traballadoras de Celtic Estores.

Comparte éste artículo
No hay comentarios