O PP de Pol denuncia que a “nefasta xestión económica” de Lino Rodríguez levou ao Concello a ser o líder provincial en débeda por habitante

Nicole Grueira: “Ou se pon fin a este descontrol económico de inmediato, ou o nome de Pol pasará aos libros de historia por culpa dun alcalde que non se preocupou nunca dos veciños e que se empeñou en levar o Concello á bancarrota”.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol amosan a súa preocupación ante a situación na que se atopa o municipio, sendo o concello líder da provincia en débeda per cápita por habitante, todo “gracias a caótica e nefasta xestión económica de Lino Rodríguez” que está levando a Pol a un escenario “moi preocupante”.

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, sinala que a situación é o resultado de anos de «despropósitos e falta de rigor» á fronte da xestión municipal. «Pol supera xa os cinco millóns de euros de débeda», sinala, ademais de denunciar que o alcalde foi incapaz de cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto durante os últimos anos.

Nicole Grueira denuncia que a incapacidade de manter saneado ao Concello por parte de Lino Rodríguez “é máis que evidente porque unicamente destina os fondos ao seu capricho, o fútbol”.

Para a voceira popular a situación de Pol “é moi preocupante” porque “todo apunta a que nos achegamos inexorablemente á quebra económica, o que deixará ao Concello sen ferramentas para prestar servizos básicos de forma autónoma”.

Dende o PP de Pol esixen a Lino Rodríguez explicacións inmediatas e un plan de saneamento real que evite “a quebra económica do Concello”. «Ou se pon fin a este descontrol económico de inmediato, ou o nome de Pol pasará aos libros negros da historia por culpa dun alcalde que non se preocupou nunca dos veciños», concluíron.

Comparte éste artículo
No hay comentarios