O goberno local impediu o debate dunha moción que esixía á Xunta duplicar os recursos asistenciais para eliminar as listas de agarda e cumprir cos estándares da OMS.
O Grupo Socialista de Oleiros lamentou hoxe a actitude de Alternativa dos Veciños no último Pleno Municipal, onde o goberno local impediu o debate dunha moción clave para o futuro dos maiores do concello. A iniciativa buscaba o consenso unánime para esixir á Xunta de Galicia un aumento urxente de prazas en centros de día públicos, unha necesidade que Alternativa despachou alegando que «non era competencia do Pleno».
A realidade de Oleiros, segundo os datos presentados polos socialistas, é preocupante. Actualmente, o municipio só conta cun centro de día público (As Galeras) con 60 prazas, unha oferta claramente insuficiente para unha poboación que non deixa de medrar e envellecer.
- Listas de agarda: Máis de 15 persoas agardan por unha praza pública mentres as familias asumen o custo de modelos privados ou mixtos.
- Incumprimento de estándares: Seguindo as recomendacións da OMS e do IMSERSO, Oleiros debería contar con polo menos 2 ou 3 centros públicos similares ao das Galeras para garantir unha cobertura digna.
Os socialistas xa trasladaron esta problemática ao Parlamento Galego cun estudo técnico, pero buscaban reforzar a reclamación desde o propio Concello. «Con visión de presente e futuro, pedimos á Xunta que traballe xa na creación de novas prazas e na mellora das actuais rátios de persoal», sinalan dende o PSOE local.
Para o Grupo Socialista, a negativa de Alternativa a tratar este tema é unha falta de respecto ás familias oleirenses: «É o esencial para os veciños, pero curiosamente esta negativa de Alternativa non a verán publicada nos paneis informativos do Concello».
O PSOE de Oleiros mantén a súa folla de ruta e esixe:
- Estudo técnico inmediato sobre as necesidades de prazas para os vindeiros cinco anos.
- Incremento de prazas públicas para absorber a lista de espera actual.
- Mantemento integral das infraestruturas asistenciais existentes para garantir unha atención de calidade.