O dúo de folk contemporáneo composto por Claudia Abril e Marina Carpente publicará o seu primeiro traballo discográfico o vindeiro 17 de abril.
Descubre más noticias musicales como ésta
Non hai mes que defina mellor o que está por vir na escena musical galega. ABRIL, o proxecto formado por Claudia Abril e Marina Carpente, elixe o seu mes homónimo para presentar ao mundo o seu primeiro álbum de estudio: MEDRAR. O disco, que se publicará oficialmente o 17 de abril, marca o nacemento dunha proposta que pon en valor a música de raíz dende unha óptica contemporánea.
O álbum desprégase en nove cortes que dan boa conta da personalidade de Claudia Abril e Marina Carpente. Neste traballo, as letras están inspiradas en coplas tradicionais, transformándoas en historias propias, mais tamén inclúen novas coplas orixinais escritas polas propias artistas e Petra Iglesias, logrando unha cohesión única: a música folk e a canción ibérica danse a man na procura dun equilibrio hipnótico entre o que fomos e o que seremos.
Un refuxio sonoro chamado MEDRAR
MEDRAR non é só un título; é unha declaración de intencións. O álbum nace do concepto do «lugar seguro», as redes afectivas e é tamén unha celebración do facer colectivo: un disco construído en equipo e adicado a ese común que nos sostén. A estética do disco inspírase na cabaña como símbolo de protección, un espazo íntimo onde a pandeireta e o violín conviven cos sintetizadores de Zalo Rodríguez, tamén productor de MEDRAR.
A posta en escena de ABRIL, deseñada por Laura Iturralde e Coti Faro, promete levar esa «cabaña» de luz e teas aos escenarios, creando unha experiencia sensorial única que acompañará a voz de Claudia e o violín de Marina.