Rubén Arroxo reúnese co representante do Consello do Estudantado da USC

Tenente Alcalde afirmou que «o novo modelo de bus urbano terá o campus como un dos eixos principais de comunicación«.

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo un encontro co representante do Consello do Estudantado da USC en Lugo onde conversaron sobre o novo modelo de transporte público urbano que está a deseñar a Tenencia de Alcaldía. Arroxo explicou que o obxectivo da área de Mobilidade é «consolidar o transporte público como unha alternativa para os desprazamentos da veciñanza, incrementando seu uso mes a mes».

Arroxo afirmou que a zona do campus «será un dos principais eixos de conexión do novo sistema de liñas», e engadiu «a comunidade universitaria terá facilidades para achegarse ao campus desde a cidade». Entre as prioridades marcadas pola Tenencia de Alcaldía están mellorar as conexións cos barrios, facilitar transbordos máis sinxelos, garantir unha frecuencia mínima de 30 minutos en todas as liñas e reducir os tempos de espera nos eixos principais da cidade, onde actualmente a frecuencia é de 12 minutos.

O novo contrato do servizo contemplará a posibilidade de ampliar a quilometraxe no futuro, tendo en conta que a cidade seguirá medrando nos vindeiros anos. Segundo explicou Arroxo, esta previsión permitirá adaptar as liñas ás novas zonas residenciais que se poidan desenvolver e garantir que o bus chegue ás futuras vivendas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios