O escritor vigués Manuel Esteban presenta a súa última novela, “A lei do mar”, o próximo martes 7 de abril, no Campus Industrial de Ferrol

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) organiza un encontro que terá lugar na Biblioteca Ángela Ruiz Robles, situada do Edificio de Apoio ao Estudo, e que estará aberto a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado ata completar o aforo da sala.

A Biblioteca Ángela Ruiz Robles, situada no Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol, acolle, o próximo martes 7 de abril, ás 19:00 horas, un encontro co escritor Manuel Esteban quen presentará a súa última novela, “A lei do mar” (Xerais, 2025), convidado pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). 

Tal e como recolle a sinopse da propia obra, “A lei do mar” narra unha historia real sucedida no Mediterráneo na que o autor, Manuel Esteban, comparte cos seus lectores e lectoras “un estremecedor relato de morte e de supervivencia, de solidariedade e de egoísmo”. Trátase pois, segundo a súa propia editorial“dun relato desacougante de seis mariñeiros que rescatan un grupo de persoas subsaharianas entre as que se atopan tres nenas obrigadas a vivir, mais tamén é a procura desesperada dun home peixe obrigado a esquecer para converterse en humano”. 

Manuel Esteban (Vigo, 1971) é médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e profesor da rama sanitaria de formación profesional. Na actualidade, traballa como docente no Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio, situado na cidade olívica. As súas tres primeiras novelas: “A ira dos mansos” (Xerais, 2016), “O meu nome é Ninguén” (Xerais, 2018) e “A vinganza dos homes bos” (Xerais, 2020), están protagonizadas polo inspector de policía Carlos Manso. Uns anos despois, publicaría “O xogo de Escher” (Xerais, 2024) e “A lei do mar” (Xerais, 2025). 

O encontro co escritor vigués Manuel Esteban está aberto a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado ata completar o aforo da Biblioteca Ángela Ruiz Robles. O director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz, exercerá de moderador.

Comparte éste artículo
No hay comentarios