A formación política UCIN Santiago denuncia a «pasividade» do Concello á hora de garantir que as persoas con mobilidade reducida poidan gozar da Semana Santa compostelá en condicións de dignidade e seguridade, especialmente nas procesións que percorren a zona histórica.
UCIN pon o foco nunha carencia que consideran estrutural e que se agrava durante os eventos multitudinarios. O candidato á alcaldía, Diego Adrián Mallo Cao, que se atopa actualmente nunha situación de mobilidade reducida, sinalou que esta circunstancia lle permitiu comprobar «de primeira man» as barreiras reais que ofrece Compostela.
Falamos de dereitos básicos. É inadmisible que veciños e visitantes queden excluídos das procesións pola falta de previsión e sensibilidade do Goberno local», afirmou Mallo.
Críticas á xestión municipal
Desde a formación consideran inaceptable que, nun evento de máxima relevancia relixiosa, cultural e turística, non existan zonas habilitadas e reservadas para persoas con dificultades de movemento, maiores ou con necesidades especiais. Segundo UCIN, as barreiras arquitectónicas da zona vella fanse «insalvables» debido á gran afluencia de público e á nula planificación específica para estes colectivos.
UCIN lamenta que os discursos institucionais sobre accesibilidade sexan «baleiros» e non se traduzan en medidas concretas nin visibles para a veciñanza.
Para corrixir esta situación, a formación propón a posta en marcha inmediata das seguintes medidas:
- Zonas reservadas: Creación de espazos sinalizados e exclusivos para persoas con mobilidade reducida en puntos clave dos percorridos procesionais.
- Itinerarios seguros: Mellora dos accesos e habilitación de rutas sen barreiras en todo o casco histórico.
- Dispositivo de apoio: Servizo específico de información e axuda durante os grandes eventos.
- Planificación integral: Incorporar a accesibilidade como criterio prioritario e obrigatorio na organización de calquera evento público.
Desde UCIN instan ao Concello a actuar de inmediato para que Santiago deixe de ser unha cidade «excluínte na práctica». «Santiago non pode presumir de universalidade mentres esquece a unha parte da súa propia veciñanza», concluíu o candidato.