A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor a ampla tradición e arraigamento da Festa do Augardente de Portomarín, que este ano acada xa a súa edición número 54. Gómez asistiu a esta celebración, na súa calidade de integrante da Orde Serenísima da Alquitara, e salientou que está consolidada como un evento de referencia á hora de enxalzar este produto tan enxebre e recoñecido do agro galego.
O programa desta festa iniciouse co prendido das alquitaras e a apertura de stands. A seguir, tivo lugar a solemne procesión do Santo Encontro, a actuación da asociación cultural Río Miño e a celebración do Cabido Xeral da devandita Orde da Alquitara, coa recepción dos novos cabaleiros e damas. O pregón correu a cargo de Esteban Pérez López, veciño de Portomarín, e os actos completáronse co xantar institucional e a actuación da charanga Evaristo.