A participación galega nas recentes competicións estatais e internacionais de danza deportiva e hip hop saldouse con importantes resultados, confirmando o alto nivel dos deportistas da comunidade.
No Campionato de España de Seleccións Autonómicas, Galicia acadou unha meritoria quinta posición, situándose entre as mellores comunidades do panorama nacional.
Pola súa banda, no Campionato de España Standard, os resultados máis destacados foron o segundo posto de Raúl Romero e Serena Díaz na categoría júnior II e o terceiro posto de Manuel Barreiro e Alba Falcón en youth. Na categoría adulto, Josu Arnoso e Noelia Rey finalizaron na décima posición, mentres que Andrés Parga e Laura Marcote acadaron o undécimo posto. En senior III, Ángel Álvaro e Ana López lograron a sexta posición, e en senior V, Román Lago e Rosa Vieites finalizaron en quinta posición.
No ámbito internacional, no Campionato de Europa de Danza Coreográfica, o equipo Narón Kids acadou un excelente segundo posto na categoría adulto, mentres que Narón Girls rematou na décimo terceira posición en youth.
Ademais, no Campionato de Europa de Hip Hop, Galicia obtivo resultados moi destacados, con varios podios. O equipo Flowboretas proclamouse campión de Europa na categoría youth, ao igual que Grow as Ohana en adulto e Da Family en megateam. Pola súa parte, We Block acadou o terceiro posto en adulto, mentres que Get Dawn finalizou na cuarta posición en categoría júnior.
Estes resultados reflicten o excelente traballo dos deportistas galegos, así como o compromiso dos clubs e técnicos, consolidando a Galicia como unha referencia tanto na danza deportiva como no hip hop a nivel estatal e internacional.