O BNG de Valga urxe a renovación do saneamento ante a “saturación” da EDAR e os vertidos ao río Ulla

O BNG de Valga, tras analizar os datos do Plan de Saneamento da Xunta de Galicia, denunciou hoxe o estado «crítico» da rede de saneamento municipal. A Estación Depuradora (EDAR) de Campaña, construída hai máis de dúas décadas, atópase totalmente desbordada: deseñada para 3.315 habitantes, hoxe ten que dar servizo a máis de 5.700 persoas e absorber vertidos industriais, tratando 2.000 m³ diarios cando a súa capacidade é de só 720 m³.

O voceiro municipal, Fran Devesa, sinalou as estacións de bombeo do Forno e Carracido como os puntos negros da rede. «A concentración de caudal provoca atascos constantes que xa non poden achacarse a malos usos, senón a un sistema estruturalmente obsoleto», explica Devesa. Esta situación ten consecuencias ambientais directas, con vertidos recorrentes ao río Ulla (Rede Natura 2000) e a recorrente prohibición do baño na praia de Vilarello por contaminación bacteriana.

Solucións estructurais Ante esta parálise, o BNG propón dúas alternativas:

  1. Creación dunha nova EDAR específica para núcleos como Vilar, Vilarello, Carracido ou Ferreirós, aliviando a carga da planta de Campaña.
  2. Reforzo integral: Ampliar a capacidade da estación de Carracido (maior diámetro de tubaxes) e a ampliación técnica da EDAR actual.

Ademais, Devesa reclama completar a rede en zonas como A Medela, Cerneira ou Raxoi, que seguen sen conexión. «O saneamento é un servizo esencial que incide na calidade de vida e no coidado da nosa contorna; non podemos permitir que Valga siga paralizada no século pasado», concluíu o voceiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios