Hoxe tivo lugar a presentación oficial da edición 2026 das festas de San Marcos de Noia, nun acto no que estiveron presentes o alcalde, Fran Pérez, o concelleiro de Festexos, Manolo Seijas, o presidente da asociación cabalar Serra do Barbanza, Adrián Bermúdez, e o fotógrafo e creador do cartel desta edición, Víctor Martínez “Pichero”.
Durante a rolda de prensa, Manolo Seijas puxo en valor o enfoque desta edición, sinalando que “supón unha mestura de tradición e novidade”. O concelleiro destacou que “queremos recuperar o mellor da tradición cabalar da feira, dándolle o protagonismo que merece e integrando o mundo cabalar de maneira activa na programación”. Ademais, explicou que “facemos unha aposta clara por ampliar as actividades ao longo de todo o día, con sesións vermú, propostas para os máis pequenos e unha programación máis diversa e continua”.
Seijas tamén avanzou parte do cartel musical, subliñando que “San Marcos contará cunha programación musical de primeiro nivel”, coa presenza nocturna de formacións como París de Noia, Nueva Línea, La Guardia ou o grupo local Carabela, contando coa orquestra Trébol para unha das sesións vermuts, reforzando así a animación ao longo de toda a xornada.
Pola súa banda, o presidente da asociación, Adrián Bermúdez, puxo en valor a recuperación de elementos históricos clave, como “a tradicional ruta cabalar á Capela de San Lázaro, que marcou o inicio da feira no ano 1578”. Ademais, destacou a incorporación de múltiples actividades cabalares, entre elas a baixada das bestas bravas polo Casco Histórico, as propostas da Estivada Ecuestre dirixidas á rapazada, e a ampliación do programa da Feira Cabalar do 25 de abril. Bermúdez tamén quixo agradecer ao goberno local “a aposta decidida por dar un aire novo a un día tan importante para o mundo do cabalo como é San Marcos”.
O alcalde de Noia, Fran Pérez, sinalou que esta presentación chega tras o éxito de celebracións recentes como o Nadal e o Entroido, e afirmou que “é un orgullo especial presentar esta edición”. Así mesmo, reiterou o compromiso do goberno local coa dinamización cultural, festiva e económica da vila, sempre coa mirada posta na posta en valor das tradicións.
Para rematar, convidou non só á veciñanza de Noia, senón tamén a toda a contorna, a participar nunha festa que, segundo destacou, “ocupa un espazo moi especial nos nosos corazóns”.
PROGRAMACIÓN DAS FESTAS DE SAN MARCOS 2026
VENRES 24
- 09:00 → Bombas de palenque (Peirao do Marqués)
- 11:00 → Dianas e alboradas (Salgueiriños)
- 16:00 → Ruta cabalar (San Lázaro → capela de San Marcos → regreso)
- 19:30 → Curro de cabalos salvaxes
- 22:00 → Verbena Orquestra París de Noia (Alameda)
- 00:00 → Orquestra Nueva Línea (Praza do Tapal)
- 01:30 → Remember Noia 80/90
SÁBADO 25
- 09:00 → Bombas de palenque (Peirao do Marqués)
- 09:00 → Feira cabalar de maquinaria agrícola (San Lázaro)
- 10:00 → Dianas e alboradas (Salgueiriños)
- 13:00 → Sesión vermú Boubas (Praza do Curro)
- 14:00 → Sesión vermú Orquestra Trébol (Alameda)
- 16:30 → Feira cabalar (San Lázaro)
- 17:30 → Actividades infantís + festival ecuestre (San Lázaro)
- 22:30 → Verbena Orquestra Trébol + Disco Chocolate (Alameda)
- 22:00 → Carabela (Praza do Tapal)
- 00:00 → La Guardia (Praza do Tapal)
DOMINGO 26
- 09:00 → Bombas de palenque (Peirao do Marqués)
- 11:00 → Dianas e alboradas (Banda Municipal de Noia)
- 13:30 → Banda de Música de Noia (Palco da Música)
- 17:00 → Actividades infantís (Alameda)
- 21:00 → Petardeo (A Banda do Sequío, Oswaldo Digón, Federico Pérez e Pepo Suevos) (Praza do Tapal)
- 21:30 → Verbena Orquestra New York