Catro torpedos de Otero afunden ao Barco en 40 minutos

O At. Arteixo afianzouse na terceira praza logo de derrotar con máis comodidade da esperada ao Barco, que chegaba a Ponte dos Brozos en posto de fase de ascenso. Otero, a quen lle saíu todo, encargouse de que os puntos quedaran na casa con dous goles nos primeiros oito minutos de partido e outros dous antes do descanso. Rojo, na parte final do choque, fixo o quinto e Miguel o da honra valdeorresa. Jairo debutou cos locais.

Póker de Otero

O Arteixo comezou o partido arrasando ao Barco. Aos trinta segundos, nun despexe orientado para Otero, o punta aproveitou o esvarón de Andrés para recoller máis cómodo o balón e, sobre a marcha, largar un punteirolo cruzado co que superou a estirada de Imanol (foto).
Aos dous, Iván tentouno desde lonxe ao ver a posición adiantada do meta visitante, pero o coiro pasou perto do marco.
Sen facer moito, o Arteixo viuse cun 2-0 aos oito minutos. Otero, caendo desta vez pola esquerda, colleu un balón axudado pola mala distancia entre Andrés e Bin Abdallah para xutar cruzado na área e superar por segunda ocasión a Imanol.
Pouco despois, nunha tímida reacción, Miguel sumou o primeiro lanzamento visitante cun golpeo cruzado que atallou Carlos no centro da liña de gol.
Máis clara foi a do minuto 24, nun centro de Miguel ao segundo pau. Santín rematou de testa, pero Carlos, ben de reflexos, rexeitou a pelota.
Ao fío da media hora o Arteixo volveu sorprender ao Barco cun balón longo. Otero foi de novo máis rápido que un mal situado Bin Abdallah e picou a pelota por riba de Imanol.
O 3-0 non achantou ao Barco, que puido reducir no minuto 38 ao gañar un dobre disparo nun saque de esquina. Primeiro, a defensa rexeitou o tiro de Andrés, antes que Bin Abdallah mandara a segunda opción por riba da trabe.
O partido estaba para Otero, que anotaba todo o que tocaba. No minuto 40, presionou un balón que chegou aos pés de Imanol, o cerbero despexou contra os pés do punta e o coiro acabou dentro da portería.

Segundo tempo de trámite

O Barco saíu presionando no segundo tempo. Agustín Ruiz esperou varios minutos para facer as primeiras modificacións no once. Malia que o Barco colocou un par de centros á area de Carlos, quen máis próximo ao gol estivo volveu ser o conxunto local.
Perto do cuarto de hora, un centro-xute de Fabio bateu na parte superior da barra da meta valdeorresa.
No minuto 61 respondeu Herrera cun golpeo próximo da frontal. Carlos, con seguridade, chapou o coiro perto da base do pau dereito.
O partido baixara o ritmo, ao Barco faltáballe máis intensidade malia súa persistencia. No minuto 76, Raúl Paz non atinou cun disparo desde dentro da área.
Posi homenaxeou o partido de Otero substituíndoo no minuto 83 para que levara a ovación de Ponte dos Brozos. Fíxo estrear a Jairo para que vivira dentro do campo o quinto gol local fabricado por dous compañeiros que comezaran o partido no banco. No minuto 85, Iker serviu para Rojo, que regateou a Imanol antes de marcar a pracer.
O Barco fixo o da honra por medio de Miguel, que rematou na perpendicular ao segundo pau un centro desde a esquerda dous minutos máis tarde,
Décimo partido consecutivo sen perder dos arteixáns, tendo na secuencia nove vitorias, que quebran a xeira do Barco, que cegara a Ponte dos Brozos con cinco triunfos e unha igualada nos anteriores seis choques.

Ficha

SÁBADO 11/04/2026 (17,30) Campo: PONTE DOS BROZOS (350)
AT. C. ARTEIXO : 5 – CEN. DPTES. BARCO : 1 (4‑0)

ART : Carlos; Iván, Agulló, Marcos, Berrocal; Rubén Martínez (Iker 65’), Fabio, Pablo Martínez (Lamas 70’), Naya, José Ramón (Rojo 65’); Otero (Jairo 83’). Tre. Posi. (Banco: Hevia (g); Hugo García; Moreta).
BRC :Imanol; Vilachá (Konaté 53’), Bin Abdallah, Andrés (Brian 53’), Raúl Paz; Miguel, Juanma, Herrera (Carlos Cruz 63’), Noel (Manu 63’), Santín; Sidibé (Brian Castro 63’). Tre. Agustín Ruiz. (Banco: Alberto (g); Óscar Martín).
Goles: 1-0 Otero 1’; 2-0 Otero 8’; 3-0 Otero 30’; 4-0 Otero 40’; 5-0 Rojo 86’; 5-1 Miguel 88’.
Árbitro: Abel Bruzos (Galiza-Lugo). Auxiliares: Losada Menacho e López Martínez.
Disciplina: CA: Herrera 30’; Andrés 42’; Noel 45’; Miguel 49’; Raúl Paz 57’; Juanma 80’.

Foto Otero no xute do primeiro gol. © 211noticias.com

Comparte éste artículo
1 comentario