O PSOE de Arteixo esixe luz sobre o “turismo institucional” do goberno local e a falta de proxectos de cooperación reais

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao último pleno unha esixencia clara: transparencia. O voceiro socialista, Martín Seco, cuestionou abertamente o uso dos fondos públicos para financiar viaxes de membros do executivo que, en moitos casos, parecen máis “vacacións pagadas” que misións de traballo con beneficios para o municipio.

O PSOE puxo o foco en dous episodios recentes que ilustran, ao seu xuízo, unha xestión «afastada da realidade»:

  1. A expedición a Cabo Verde: A concelleira de Servizos Sociais disfrutou de seis días de viaxe a gastos pagados para un encontro internacional. Ata a data, os resultados de dita viaxe para Arteixo son un misterio. «Non se coñece achega, nin plan de traballo, nin retorno», sinalan os socialistas.
  2. O «plus» de Madrid: Na asistencia do alcalde ao pleno da Red Innpulso, o Concello tamén asumiu os gastos dunha segunda persoa do grupo de goberno. Un acompañamento que o PSOE tacha de innecesario e carente de xustificación técnica.

Cooperación de «boquilla»

Martín Seco lembrou que, aínda que Arteixo aporta 4.800 euros anuais ao Fondo Galego de Cooperación, o goberno local renunciou a impulsar iniciativas propias de calado, como o histórico apoio á poboación saharaui.

«O problema non é viaxar por traballo, o problema é facelo sen render contas mentres se recortan políticas sociais reais. Non pode haber cartos para seis días en Cabo Verde e non para programas de cooperación directa», denunciou Seco.

O PSOE reclamou no pleno un informe detallado que explique:

  • Os criterios técnicos para financiar estes desprazamentos.
  • O plan de traballo e os resultados obtidos en cada encontro.
  • Unha listaxe das actividades de cooperación reais que o Concello está a desenvolver hoxe.

Para os socialistas, nun contexto onde as necesidades sociais de Arteixo non deixan de medrar, a prioridade do goberno debería ser a utilidade pública e non o «uso pouco transparente» dos recursos de todos. «Non é aceptable empregar o diñeiro dos veciños en viaxes dos que ninguén sabe nada», concluíu o voceiro socialista.

Comparte éste artículo
No hay comentarios