Terá unha duración de tres días e na xornada final entregarase o galardón ao mellor TFG aplicado da FIC
Desde mañá e ata o próximo venres, día 17 de abril, a Facultade de Informática da UDC acolle a VII edición da Feira de Prácticas e Emprego da FIC (FEPE FIC), un espazo de encontro entre alumnado de grao e máster da Facultade e o ecosistema tecnolóxico galego e estatal.
A cita, organizada pola FIC en colaboración coa Fundación Universidade da Coruña e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), ten como obxectivo de tender pontes entre o talento universitario e as principais empresas do sector TIC. Concretamente, nesta edición estarán presentes 32 empresas.
O programa comezará mañá mércores, día 15 de abril, ás 9,30 horas, coa inauguración a cargo da vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, e o decano da Facultade, Mariano Cabrero, tras o cal terá lugar unha breve presentación de cada unha das empresas participantes. A continuación darase paso a talleres e actividades nos diferentes stands, nun formato similar nas tres sesións que dura a feira. https://fepe.fic.udc.es/#programa
Na última xornada, o venres 17, terá lugar o acto de entrega do XI premio ao mellor TFG aplicado da FIC, co que se recoñece o mellor proxecto realizado polo alumnado, con aplicación directa no ámbito tecnolóxico. Un galardón para o que hai catro candidaturas e no que participan a Cátedra da UDC ALDABA WIB: Women, ICT &Business, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia e o Digital Innovation Hub Industrial de Galicia.
Elena Hernández, vicedecana de Relacións Institucionais da FIC destaca que “esta Feira consolídase ano tras ano como punto de encontro esencial entre o talento do noso estudantado e as principais empresas do sector TIC. Estamos ante un evento que non só abre as portas a futuras oportunidades profesionais, senón que tamén reflicte o compromiso da facultade co ensino público de calidade e a innovación, o emprego e o impulso da tecnoloxía na nosa contorna”.