Damián Carballo: “O goberno municipal de Lugo prefire os anuncios á realidade nas instalacións deportivas da Piringalla”

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo denunciou hoxe o estado de «parálise absoluta» no que se atopa o proxecto para a pista deportiva anexa ao pavillón Daniel Cordido, na Piringalla. Seis meses despois de que o Goberno local anunciase a súa transformación nun espazo multideporte, a instalación segue a ser un símbolo de desleixo.

O concelleiro popular Damián Carballo lembrou que, ante as queixas polo mal estado da actual pista de tenis —en desuso e deteriorada—, o concelleiro de Deportes prometeu reconvertela nunha área con porterías e canastras. «Aquel anuncio foi unha manobra para saír do paso e calar as críticas veciñais, pero a realidade hoxe é a mesma que hai medio ano: ningunha obra, ningunha información e o mesmo abandono», sinalou Carballo.

Para o PP, este caso é un exemplo máis de «política de fotos e titulares sen xestión detrás». Carballo subliñou que non existe constancia de que se dera un só paso administrativo para materializar a mellora, o que demostra unha «falta total de compromiso» co barrio da Piringalla e coas súas entidades asociativas.

Ante esta situación, o Grupo Popular presentará un rogo na vindeira comisión para esixir prazos concretos e o inicio inmediato das obras. «O Goberno local debe deixar de xogar coas expectativas dos veciños; a Piringalla non necesita máis anuncios, necesita que se poñan as porterías e as canastras prometidas», concluíu o concelleiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios