Vía Galega conmemora en Lugo o 180 aniversario da Revolución de 1846

Co obxectivo de recuperar e poñer en valor un dos episodios máis determinantes da nosa historia, Vía Galega organiza unha palestra conmemorativa polo 180 aniversario da Revolución Galega de 1846.

O acto terá lugar o vindeiro xoves, 16 de abril, ás 19:00 horas, no centro cultural O Vello Cárcere de Lugo.

«A Revolución Galega de 1846: Significado e relevancia histórica»

A conferencia correrá a cargo do prestixioso historiador e profesor doutor da Universidade da Coruña, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, quen analizará os fitos clave que marcaron aquel abril de 1846:

  • 2 de abril: O pronunciamento de Miguel Solís en Lugo.
  • 4 de abril: A adhesión de Compostela á revolta.
  • 15 de abril: A constitución da Xunta Superior de Goberno de Galiza.
  • 26 de abril: O tráxico fusilamento dos Mártires da Liberdade en Carral.

A palestra non só fará un percorrido polos feitos bélicos e políticos, senón que afondará na relevancia histórica dun movemento que supuxo un antes e un despois na afirmación da identidade galega e na loita polas liberdades.

Vía Galega convida a toda a cidadanía de Lugo a participar neste encontro para lembrar e dignificar as páxinas máis sobranceiras do noso pasado común.

Comparte éste artículo
No hay comentarios