O coro de cámara AntiQvorum fará un percorrido pola música coral e polifónica, ás 20 horas, ilustrando a arquitectura que albergou o templo ao longo da historia
A Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebrará o vindeiro sábado, 18 de abril, o Día Internacional dos Monumentos e Sitios (DIMS), cun encontro entre a arquitectura e a música, titulado «O lugar de culto como espazo de encontro das artes», no que o Coro de Cámara AntiQvorum interpretará diversas obras. O evento, con guión e dirección do COAG Ferrol e a produción e montaxe de Iris Producións, terá lugar na recentemente restaurada Igrexa de Dores (rúa Méndez Núñez, 18) ás 20:00 horas, organizado en colaboración coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol e o patrocinio da empresa Pimfer. O espectáculo contará con guión e dirección do COAG Ferrol e produción e montaxe de Iris Producións.
Ilustrarase, a través dun percorrido pola música coral e polifónica, a arquitectura que albergou a igrexa ao longo da historia, desde o románico ata a Ilustración. A actividade celebrará a harmonía das dúas formas de arte nun espazo que, transcendendo o seu carácter de lugar de culto, tamén constitúe un ambiente acolledor para a expresión artística. Inclúe non só a arte inherente á propia igrexa, que lle deu o seu carácter distintivo como espazo arquitectónico, senón tamén a acumulación e superposición de capas temporais que explican a evolución da arte, entendida como expresión do espírito humano.
No concerto, o coro interpretará as seguintes obras, con textos de Federico Carro Gil e José Antonio García Mato:
- Media vita in morte sumus. Antífona S. VIII
- Congaudeant catholici. Códice Calixtino
- Santa María Strela do Día. Cantigas de Santa María. Nº 100
- vos omnes Tomás Luis de Victoria (1585)
- Komm süsser Tod Johan Sebastian Bach (1736)
- Ave verum corpus Wolfgang Amadeus Mozart (1791)
- Sacrum convivium Luigi Molfino (2000)
O Coro de Cámara AntiQvorum é unha das poucas agrupacións corais de Galicia centradas na interpretación da música antiga, focalizando grande parte do seu repertorio no renacemento europeo.
AntiQvorum xorde da inquietude dun grupo de cantoras e cantores, pertencentes a diversas agrupacións vocais, por achegarse á interpretación da música antiga. Fúndase en abril de 2017 e está formado actualmente por 16 integrantes. Aínda que os programas que aborda a agrupación baséanse na interpretación da música composta ata 1750, as e os integrantes do coro abordan noutras agrupacións corais diferentes repertorios que van desde a música tradicional ata obras de recente creación.
O coro está dirixido por José Antoni García Mato e integrado polos sopranos Ariadna Alfaraz Romero, Patricia Cupeiro López e Laura González Puente; os contraltos Tereza Čtvrtníčková, Maysa Ismail García, Andrea Picos Rodiles e Iria Quintía Romero; os tenores Daniel Leiro Castro, Raúl Sanguiao Paulo e José Antonio García Mato; baixos Oliver Acosta Vigo, Alberto Bueno Hernández e Ángel Saavedra Arozamena; e o pianista acompañante Daniel Leiro Castro.
A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo, sendo precisa a inscrición para o control de acceso a través da seguinte LIGAZÓN.