A Deputación da Coruña convoca a oitava edición dos Premios PEL con 80.000 euros para recoñecer o talento empresarial da provincia

A contía, a máis alta da historia dos galardóns, reforza o apoio a persoas autónomas, microempresas e pemes que xeran emprego e riqueza no territorio. A convocatoria simplifica os requisitos e abre a participación a máis iniciativas

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases da oitava edición dos Premios PEL, unha iniciativa que se consolida como un dos principais recoñecementos ao tecido empresarial da provincia. O certame busca poñer en valor o traballo de persoas autónomas, emprendedoras e empresas que contribúen ao desenvolvemento económico, á creación de emprego e á dinamización do territorio.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “os Premios PEL son unha forma de recoñecer o esforzo de moitas empresas que, día a día, están a tirar da economía local e a xerar oportunidades nos nosos concellos”. Ademais, subliñou que “queremos dar visibilidade a proxectos que ademáis de funcionar ben desde o punto de vista económico, tamén teñen un impacto positivo na sociedade e no territorio”.

Nesta edición, a Deputación reforza a súa aposta por un modelo económico máis sostible, innovador e vinculado ao medio rural, premiando iniciativas que destacan tanto polo seu percorrido como pola súa capacidade de transformación.

Catro categorías e unha mención especial

A convocatoria deste ano establece catro categorías principais: Iniciativa emprendedora, dirixida a proxectos empresariais iniciados entre 2024 e 2026; Traxectoria empresarial, para empresas con actividade anterior a 2024;Iniciativa territorio sostible, centrada en proxectos vinculados á transición ecolóxica, á economía circular ou á protección da biodiversidade e Iniciativa empresarial singular, que recoñece propostas creativas, orixinais e con identidade propia, vinculadas ao territorio, ás materias primas locais ou á tradición galega. 

Existe tamén unhja categoría honorífica, que distinguirá a mellor iniciativa transformadora do rural, sen necesidade de candidatura previa nin dotación económica.

O maior investimento na historia dos premios

Os Premios PEL repartirán este ano un total de 80.000 euros, a cifra máis alta desde a súa creación. Cada unha das catro categorías principais estará dotada, con carácter xeral, con 20.000 euros.

As bases contemplan tamén a posibilidade de conceder accésits cando a diferenza de puntuación entre as dúas mellores candidaturas seleccionadas sexa mínima. Nestes casos, o primeiro premio reducirase a 15.000 euros e outorgarase un segundo de 5.000 euros.

O presidente da Deputación sinalou sinalou que “incrementar a contía destes premios é tamén unha forma de reforzar o apoio real ás empresas e de acompañar o seu crecemento con recursos que lles permitan seguir crecendo e desenvolvéndose”.

Unha convocatoria máis accesible

A nova edición introduce melloras para facilitar a participación das empresas. Amplíase o acceso a iniciativas de diferentes anos de creación e simplifícase o proceso de solicitude, reducindo a carga administrativa.

A presentación de candidaturas realizarase exclusivamente de forma telemática a través da plataforma SUBTeL. O prazo abrirase o vindeiro mércores, 22 de abril, e permanecerá aberto ata o 12 de maio ás 14.00 horas.

As empresas interesadas poden comezar xa a preparar a súa candidatura mediante unha memoria de ata cinco páxinas, na que deberán incluír unha ligazón a un vídeo explicativo cunha duración máxima de dous minutos.

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, animou ao tecido produtivo da provincia a participar: “Temos empresas con moito talento, con grandes ideas innovadoras e cunha enorme capacidade de adaptación. Estes premios son unha oportunidade para dar a coñecer ese traballo e para poñelo en valor ante toda a sociedade”.

As bases completas e toda a información sobre a convocatoria están dispoñibles na páxina web dos Premios PEL: Premios PEL

Comparte éste artículo
No hay comentarios